Martiño Noriega critica o uso partidista das institucións en campaña electoral e anima á Xunta de Galicia a asumir as súas responsabilidades co Concello.
O alcalde en funcións de Teo, Martiño Noriega, realizou esta mañá unha rolda de prensa para valorar os resultados electorais nos que o BNG acadou nove concelleiros facéndose coa maioría absoluta da corporación teense. Na súa primeira intervención o rexedor criticou o “uso partidista das institucións en campaña electoral” en clara alusión á Xunta do Partido Popular.
“As institucións deben cumplir o seu papel e colaborar, polo que animamos á Xunta de Galicia a cumplir cos compromisos pendentes co Concello de Teo” explicou Noriega.
"Confiamos en que se poidan desbloquear temas como o investimento da potabilizadora, o centro de día ou o centro de saúde da Ramallosa” continuou o alcalde. Noriega dixo “é hora de que cada quen asuma os seus roles institucionais e a súa responsabilidade”. Nese senso dixo que xa existe unha reunión solicitada do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, de hai meses para abordar a ampliación da ETAP de Pontevea.
Os primeiros momentos da comparecencia foron para amosar “o agradecemento e a satisfacción polos resultados obtidos” pero destacou que “agora somos máis vulnerables xa que temos a responsabilidade de non defraudar a toda esa confianza dada polos veciños e veciñas”. Explicou que “demostramos que outra forma de gobernar é posible e sen vender motos, se non baixo o principio da honestidade e lanzando unha mensaxe de realidade a cidadanía entendeu a mensaxe e deunos o seu apoio”. Agradeceu “a confianza e a ilusión e recordou que o compromiso coa cidadanía é o do día a día”.
Martiño Noriega estivo acompañado dos outros oito concelleiros/as electos que formarán o novo grupo de goberno, e de Andrés Fernández, que pechaba a lista e neste momento aínda está en funcións.
Retos de futuro
Entre as prioridades do seu futuro goberno, que non ten o organigrama de reparto de áreas definido aínda, Noriega destacou que Teo debe convertirse nun Concello de máis de 20.000 habitantes. Este salto no padrón municipal permitirá “incrementar os ingresos ordinarios de xeito moi importante o que redundaría nunha mellor prestación de servizos”. Ademais deste reto de futuro explicou que as liñas de traballo da súa xestión serán de continuidade priorizando “servizos básicos, políticas sociais seguindo no camiño marcado nestes últimos catro anos”. Tamén fixo mención á importancia de “apostar pola democracia participativa, explicando que é necesario facer política escoitando á xente”.
Analizando o reparto de forzas na corporación o alcalde teense tamén quixo destacar que o apoio co que contou a súa forza “é un apoio amplo, plural e diverso e así o entendemos, non querendo patrimonializalo”.