Martiño Noriega anima á cidadanía a facer un trato que ratifique o domingo 22 de maio "esta marea imparable que non renuncia a rematar o traballo iniciado hai catro anos.
Martiño Noriega, candidato á alcaldía do BNG de Teo, reiterou esta tarde no acto de peche de campaña en Calo que este domingo “tan só hai que elixir entre dúas opcións”. E diante desas circunstancias chegou diante do auditorio cunha proposta de trato. “Fagamos un trato para alimentar esta marea imparable que non renuncia a rematar o traballo iniciado hai catro anos”.
A aposta da cidadanía por cumprir con este trato permitirá “seguir apostando polos servizos básicos, as políticas sociais, a programación cultural...” explicou Noriega. Pero o mandato nas urnas nese sentido, “dándolle ao BNG unha maioría ampla este domingo permitirá acreditar que o Concello ten que seguir o camiño no que está e non pode nin debe clasificar aos veciños entre os teus e os meus” destaca o candidato nacionalista.
O actual alcalde de Teo explicou, diante dunha sala ateigada, a emoción que sentía e fixo un guiño a un Concello de todos cando dixo “grazas por encher de corazóns quentes e sorrisos por debaixo do narís este Pazo de Adrán”. A emoción, a ilusión e a gratitude foron constantes nun discurso que pechou un acto no que interveñen tamén Xosé Manuel Beiras e Iria Otero.
Martiño Noriega salientou a importancia da ilusión “para gobernar o Concello como se fora a nosa casa sen chegar a sentila da nosa propiedade, antepoñendo sempre os intereses colectivos aos egoístas, intentando ser xustos na inxustiza, comprendendo que o Concello é unha comunidade plural e diversa, na que todas as voces, poden e deben ser escoitadas”.
O cabeza de lista do Bloque Nacionalista Galego en Teo destacou o traballo realizado nestes catro anos e o esforzo “por escoitar e investir en democracia participativa”. Fixo referencia ó traballo realizado na campaña con actos en cada unha das parroquias do Concello onde “rendimos contas do contrato que asinamos fai catro anos diante de 1.000 persoas nos diferentes actos”.
Noriega quixo tamén compartir coa cidadanía a idea de que “a política non é fútbol. A política é unha ferramenta de transformación”. E “a cidadanía debe reivindicar esta ferramenta de transformación cada vez máis amezada por poderes que non acuden ás urnas” explicou o candidato. Destacou sen embargo que “no espazo local, no espazo dos Concellos mantense unha cuota de liberdade que debe ser usada pola cidadanía” matizou.
Un dos momentos máis emotivos do acto foi o apoio explícito de Xosé Manuel Beiras a Martiño Noriega, coa súa presenza. Beiras puxo o funcionamento do Concello de Teo como modelo do que debe ser a práctica da política dende os cargos públicos e coa súa presenza quixo avalar esa maneira de facer política.
Pola súa banda, Iria Otero, filla do primeiro concelleiro do BNG en Teo e membro da candidatura, tivo a difícil tarefa de intervir nun acto “diante da xente do Concello onde me criei e xunto cuns dos meus referentes políticos”. No súa intervención explicou que “hai catro anos a cidadanía de Teo deulle a oportunidade ó BNG de poñer en marcha outro modelo de Concello, un modelo que defende os valores da ética, o respeto e os dereitos colectivos”.
Teo, 20 de maio de 2011