Martiño Noriega céntrase na última semana de campaña en Calo e Rarís, onde presume dunha xestión que priorizou equipamentos sociocomunitarios e servizos básicos.

O BNG de Teo centra os actos desta semana de final de campaña electoral na parroquia de Calo, con tres mitins nas distintas zonas e na parroquia de Rarís. O candidato á alcaldía do BNG de Teo ás eleccións do 22 de maio presume da xestión realizada dende o 2007, cun cambio para o Concello de Teo en cuestións tanxibles como equipamentos sociocomunitarios, rede viaria ou saneamento e noutros valores intanxibles como unha nova cultura democrática na vida municipal.

Calo é unha das parroquias máis poboadas do Concello e ó igual que en Cacheiras a candidatura do BNG planificou varios actos na zona. Onte, coincidindo co día das Letras Galegas, fíxose o mitin en Solláns e hoxe será na zona da Casalonga, no restaurante San Martiño. O sur de Calo estará representado no atril polos membros da candidatura Nacho Iglesias, natural do lugar, e Manuel Anxo Fernández, veciño de Campos de Mirabel e representante dun importante sector da poboación teense de novas zonas residenciais con demandas específicas diferenciadas das do resto da parroquia.

Martiño Noriega aproveitará as súas intervencións para destacar o traballo feito nestes anos e para pedir o apoio “para continuar ese traballo con honestidade”. En Calo destaca o avance na rede viaria xa que se aglomeraron as estradas entre Vilar de Calo e Luou, Ameneiro-Texexe-A Igrexa, entre a rotonda das Viñas e Carballal, entre Balcaide e Louu, entre Adrán e San Domingo, entre a rotonda das Viñas e A Grela ademais de consolidar con riego asfálticos vías interiores en lugares como Corinide, Ameneiro, Balcaide, Fixó, Cabovila, Solláns ou San Domingo entre outros. Outra das actuacións que ademais de mellorar a rede responden ao obxectivo de protexer o patrimonio é o adoquinado da área histórico-patrimonial do núcleo tradicional de Texexe. En materia de saneamento traballouse nas zonas de Mazas, Cabovila, Mouromorto e Casal ou Vilaverde ademais doutros tramos aínda en execución.

En Calo tamén se apostou polos espazos públicos, parques e locais. A área recreativa de Calo, realizada grazas á colaboración da Sociedade de Agricultores de Calo coa cesión de terreos, a recuperación da antiga escola no lugar da Igrexa como local de ensaio e salón de actos, ou novos parques infantís ó carón da SR, no colexio de Calo, e na unitaria de Casalonga son outras das melloras realizadas.

A nova numeración de casas e o novo rueiro, a recuperación de Música na noite, unha política cultural activa, a posta en marcha de programas de conciliación ou o avance na recepción da urbanización de Campos de Mirabel, son outros aspectos nos que se traballou arreo na lexislatura que remata.

O candidato á alcaldía explicará tamén as propostas para o futuro entre as que destaca a creación dun espazo público no sur de Calo que poida ser centro de actividades veciñais, culturais, a rehabilitación da escola da rúa de Francos despois da súa desafección, por en marcha un plan de atención especial á carballeira de Francos, sen esquecer continuar co traballo en servizos básicos e reclamar da Xunta a execución do centro de día así como buscar vías de financiamento para a construción de vivendas a prezos asequibles.
 
Rarís

No mitin de Rarís que terá lugar mañá xoves 19 ás 20:30 horas na Casa Común de Rarís Martiño Noriega estará acompañado de Manuel Pérez Calvelo. Nesta parroquia un bo exemplo do cambio en Teo destes anos é o local no que se realiza o acto, un edificio que no 2007 estaba sen rematar. O goberno nacionalista acondicionouno e agora úsase para realizar actividades municipais ou da propia parroquia en condicións dignas.

Outras actuacións como o arranxo da carretera entre Luou e Pontevea que cruza a parroquia, a mellora do entorno da casa común, a construción de beirarrúas na zona da igrexa, tramos de saneamento ou a mellora da antiga escola son algunha das actuacións feitas estes anos. Entre as propostas destaca a mellora da rede viaria e ir completando lugares que aínda quedan sen saneamento ou a instalación dun parque infantil na zona da Casa Común.


Nos próximos días o BNG realizará os seguintes mitins:

•    Mércores 18. Restaurante “San Martiño” Casalonga-Calo. 20:30 H.
•    Xoves 19. Casa Común de Rarís. 20:30 H.
•    Venres 20. Pazo de Adrán. Calo. Peche de campaña. 20:30 H.



Teo, 18 de maio de 2011

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]