O BNG de Teo celebra o Día Das Letras Galegas cunha solta de 1.000 libros en lugares públicos de todas as parroquias do concello.

A cultura, as letras e a palabra centrarán mañá a xornada de campaña do BNG de Teo. O 17 de maio, Días das Letras Galegas, será celebrado pola candidatura nacionalista coa solta de 1.000 libros por todas as parroquias do Concello.

A solta de libros pretende deixar cinco exemplares en cada unha das aldeas das trece parroquias teenses. Para eso, dende primeira hora da mañá, o candidato á alcaldía do BNG de Teo, Martiño Noriega, os integrantes da candidatura e outros colaboradores repartirán paquetes de libros en lugares públicos e zonas de paso como parques ou prazas.

Martiño Noriega destaca a importancia de festexar a festa das letras e o sentido desta iniciativa baséase no concepto de que a cultura é de todos e non debe estar en lugares pechados senon que ten que estar no exterior. Nestes días “repito nos actos de campaña que as conquistas da xestión, os novos equipamentos e os novos servizos teñen sentido cando están cheos de cidadanía” explica Noriega. Mañá “a cultura é a que sae á rúa para compartir espazo con esa cidadanía” explica o candidato nacionalista.

O cabeza de cartel do BNG explica que “esta é unha iniciativa que realizamos na campaña electoral de hai catro anos cunha moi boa acollida”. En catro anos “tense avanzado moito en Teo no eido cultural cunha rede de locais propios e unha programación cultural continuada e diversa” explica. Sen embargo “parece apropiado repetir a solta de libros, cando algúns volven en campaña a políticas do pasado coa gastronomía como acompañamento do seu discurso, xeitos de facer que pensábamos superados en Teo” destaca Martiño Noriega.

Vilariño e Solláns
 
Ademais da solta de libros a candidatura do BNG continúa realizando mitins polas parroquias. Esta tarde Martiño Noriega estará en Vilariño ás 20:30 horas acompañado de Andrés Fernández. Mañá Ana Pontón e Salomé Beiroa intervirán co candidato á alcaldía no acto de Solláns, no local da Asociación “A Baiuca” ás 20:30 horas.


Teo, 16 de maio de 2011

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]