O BNG de Teo continuará defendendo os intereses da cidadanía diante doutras institucións.
O BNG de Teo continuará defendendo os intereses da cidadanía diante doutras institucións como a autonómica ou a estatal. En materias básicas para o Concello como o transporte, a seguridade viaria nas estradas nacionais, ou a sanidade, onde as competencias son supramunicipais a candidatura nacionalista continuará co traballo de interlocuión iniciado na lexislatura que remata.
Así a posta en marcha das liñas de transporte metropolitanos internas que mellorarán a vertebración no municipio será un dos temas prioritarios nos que se continuará traballando coa Xunta de Galicia. Continuarase vixiante noutros temas relacionados co transporte como a coordinación de horarios e o establecemento de paradas debidamente acondicionadas e sinalizadas, con información de frecuencias e rutas.
A seguridade viaria na N-550 é sen dúbida unha prioridade para a veciñanza da zona e o goberno nacionalista tivo unha interlocución efectiva coa Demarcación de Carreteras, dependente do Ministerio de Fomento. Sen embargo no programa do BNG inclúese o mantemento deste diálogo, iniciado nos últimos anos, para reclamar máis actuacións na zona das Galanas, Balcaide, Ameneiro e Casalonga co obxecto de diminuír a súa perigosidade. No referente á mellora da seguridade viaria destaca o traballo realizado na AC-841 nos últimos anos e a interlocución que existiu coa Xunta dándolle traslado ás demandas veciñais de mantemento de prazas de aparcamento por exemplo.
Respecto a temas que son competencia supramunicipal destaca a reclamación da construcción dun Centro de Día para Teo. O BNG entende que é de xustiza que a Xunta asuma as súas competencias nos Servizos Sociais especializados e desbloquee un equipamento imprescindible para un Concello con case 3.000 persoas de máis de 65 anos, máis aínda cando o Concello xa ten un terreo cedido á Xunta para ese fin.
O investimento en materia de saneamento e abastecemento será outro dos temas nos que a candidatura nacionalista incidirá, destacando o investimento pendende para a ETAP de Pontevea, que neste momento depende de Augas de Galicia.
O candidato á alcaldía do BNG, Martiño Noriega, destaca do programa outro equipamento vital para o Concello que a Xunta de Galicia, debe realizar nos próximos anos cumprindo coas súas obrigas competenciais, que é a construcción dun novo centro sanitario na Ramallosa, que remate co déficit existente nesta materia. O líder nacionalista destaca ademais que se debe garantir a pervivencia dos centros de saúde existentes nos Tilos e Calo unha vez construído o novo centro.
Oza, Cacheiras, Luou e Bamonde
Nestes días a candidatura do BNG de Teo realizará mitins en Oza, Cacheiras, Luou e Bamonde. Esta tarde en Oza Martiño Noriega estará acompañada de Carmen Diéguez. Durante a reunión explicarán entre outros temas as melloras realizadas en vías principais da parroquia, o acondicionamento da Casa Común de Oza, novos equipamentos como un parque infantil ó carón deste local, ou as obras de saneamento en varios núcleos da parroquia. Entre as propostas para o futuro destaca completar a recuperación do entorno do río Tella iniciada nos últimos anos e deseñar un programa lúdico que aproveite o río como espacio de ocio e natureza.
O mitin do sábado será na Mediateca de Cacheiras ás 20:30 horas. Alí Carme Hermida e Mariño Noriega presentarán á veciñanza as cuestións realizadas e as propostas para o vindeiro mandato. En Cacheiras asfaltáronse as estradas entre Augas Mansas e Solláns, entre Cacheiras e o río Santa Lucía, entre Cacheiras e Recesende, entre a igrexa e o instituto ademais de asfaltar varios viais que estaban en terra. A posta e funcionamento da Mediateca do Grilo, a pista multideporte ó carón do instituto, a mellora do local da Torre, o céspede de herba artificial para o campo municipal da Cañoteira ou os investimentos en saneamento son algúns dos aspectos destacados da xestión realizada ata o de agora. A mellora dos parques infantís, novas áreas deportivas, a ampliación do aparcadoiro do centro de saúde, continuar mellorando en servizos básicos son algunhas das cuestións que destacarán na reunión.
En Luou o mitin será este domingo ás 12:30 horas mentres que na Casa Común de Bamonde a reunión será ás 20:00 horas. Coincidindo co traballo realizado noutras parroquias nesta destaca a mellora en rede viaria e saneamento e proponse o incremento de espazos para o lecer e a posta en valor do patrimonio natural do Concello.
Nos próximos días o BNG realizará os seguintes mitins:
• Venres 13. Casa Común de Oza. 20:30 H.
• Sábado 14. Mediateca de Cacheiras. 20:30 H.
• Domingo 15. Local Cultural de Luou. 12:30 H. // Casa Común de Bamonde. 20:00 H.
Teo, 13 de maio de 2011