O BNG votou en contra das novas adicacións parciais do alcalde e a tenente de alcalde por consideralas excesivas e pouco acaídas ante a actual realidade económica e social do noso concello.

O BNG non comparte que se pase dunha dedicación parcial, que había até o de agora, a dúas na actual coxuntura económica; e cando se aprobou hai uns meses en Pleno unha proposta do PP para a contención do gasto municipal.  Estas dedicacións supoñen máis do que gañan a maioría dos veciños de Taboada polas súas xornadas laborais completas de 8 horas ou máis.

As dúas dedicacións parciais de algo máis de 1200 € brutos van supor un custo maior para as arcas municipais que o que viñan supoñendo as dietas do anterior alcalde e a dedicación parcial do tenente alcalde.

Dende o BNG entendemos que o traballo político de goberno debe ser remunerado, e que a correcta xestión do concello require polo menos a dedicación a tempo completo dalgún membro da equipa de goberno, ben sexa o Alcalde ou outro membro. O que estamos en contra é de remendos, que non aportan nada ao progreso do concello de Taboada e que supoñen un importante custo para as arcas municipais, tal e como se leva amosado pola xestión da actual Equipa de Goberno nestes dous últimos anos.

Na proposta de ratificación do Plan Concertado 2009 para os servizos sociais o alcalde foi incapaz de explicar en que consistía a proposta de plan e que se modificara con respecto á do ano pasado; dicindo simplemente que o seu orzamento se incrementara en 1.000 € (ata os 241.000 €) e que se queríamos saber algo máis que o léramos.

O BNG considera moi extrano que poida ser acaído para Taboada o mesmo Plan de servizos sociais ano tras ano. Tendo en conta que a poboación envellecida (máis do 40% da poboación real), e illada aumenta considerablemente dun ano para outro, e polo tanto a demanda deste tipo de servizos.

Por último o BNG quere amosar a súa disconformidade con que non se pedira o respaldo da Corporación Municipal á solicitude feita pola comisión de goberno á Consellería de Sanidade para cubrir de xeito permanente a praza de medico vacante no Municipio de Taboada. A Alcaldía debe tomarse en serio este asunto e non permitir que Taboada siga perdendo calidade de atención nos seus servizos sanitarios.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]