O BNG critica a decisión unilateral da equipa de goberno do PP de cambiar o representante do concello no consello escolar dos centros educativos de Taboada.
Dende o BNG cuestionamos que novo representante do Concello sexa o concelleiro do PP responsable ata este intre das áreas de goberno de “Educación, mocidade e deportes”, pois ata o de agora aínda estamos agardando a súa primeira proposta ou intervención en pleno sobre estes asuntos. Por outra banda entendemos que o representante debería ser alguén con cativos no centro educativo, por estar máis ao día sobre a problemática educativa e seguramente ter máis interese no correcto funcionamento dos centros educativos e no seu axeitado mantemento.
Asemade preocúpanos que se ata o de agora dende o concello se amosou pouco interese en solucionar os problemas de mantemento dos centros educativos, que esta situación poida empeorar.
Dende o BNG continuaremos denunciando os problemas de mantemento e as deficiencias dos centros, para mellorar a calidade dos mesmos e evitar, que como pasa na actualidade, cativos de Taboada marchen a outros centros doutros concellos a completar os seus estudos, tendo a oferta educativa en Taboada.
Tampouco entendemos que dende o Concello, en vez de atallar os problemas con axilidade, se tarde anos en darlles solución, se ignoren, ou incluso se neguen cando son evidentes, como está a acontecer na actualidade.
Todo isto confirmarase o vindeiro curso para o que se estima que por primeira vez a matricula baixe dos 200 alumnos e alumnas.