O Concello de Taboada dedicará nos orzamentos de 2009 a pagar créditos o equivalente ó 60 % do que vai a invertir en obras.
O Goberno municipal do Partido Popular dedica no 2009, dos seus propios fondos, 47.222’02 € a pagar intereses e amortizacións de prestamos, e 82.218’24 € a inversión en novas obras.
Estes datos, sumados ás débedas das facturas pendentes de pago (sirva de exemplo, que a 31/12/2008 debíanse do exercicio 2007 uns 159.000 €, e do 2006 uns 84.700 €), son os que fan que sigamos insistindo na necesidade dun “Plan de Saneamento”.
Doutra banda, dicir que as declaracións do Alcalde sobre o custo das propostas do BNG para a modificación dos orzamentos indica o seu escaso interese en analizar calquera iniciativa en positivo. Pero a maiores podemos indicar que a cantidade precisa, duns 120.000 €, obteríase con simplemente reasignar sobrantes de cinco apartados (que contan con cantidades similares ás do ano 2008 e que xa nese exercicio non se gastaron), e cun mellor emprego dos 45.000 € consignados para os salarios do Alcalde e a Tenente de Alcalde.
Da cantidade asignada para Órganos de Goberno pódense reasignar uns 25.000 € que non se gastan dos diferentes conceptos (protocolo, dietas, locomoción,...); A maiores dos mencionados 45.000 €. Das partidas de “gratificacións para o persoal municipal” saen outros 6.000 €. Do apartado de “ensino” bastaría con reorientar o que coma no 2008 non se vai gastar, uns 12.000 €, a axudas para material escolar. De “acción social” pódense empregar uns 22.000 € dos 26.000 € que seguramente non se van a gastar. E de “promoción do emprego” sobraran coma mínimo outros 10.000 €.
Reducible tamén entendemos que é a partida de 6.000 € para pagar as orquestras que actuaron o día da festa do deporte. Pois o BNG entende que unha cousa e ter un día do deporte e promocionar a actividade física, e outra ven distinta ter que rematar a xornada gastando 6.000 € en orquestras (equivalente o 33 % do aportado para as patronais).
Porque unha cousa é facer as partidas orzamentarias amplas ano tras ano e outra cousa é ter vontade de axustar o orzamento ao que vai ser o gasto real polos diferentes conceptos, coa experiencia acumulada. Pero para isto hai que gobernar pensando nas necesidades dos veciños e nun futuro para Taboada, algo que a Equipa de Goberno non ten en mente ano tras ano cando presentan os orzamentos.