Organización
Funcionamento e organización do BNG de Silleda
A Asemblea Local é o órgano básico da organización do BNG en Silleda, encargados da dinamización política e a toma de decisións.
A Asemblea Local celebra reunións ordinarias asiduamente e nela esta encadrada toda a militancia censada na mesma, tendo por función debater e tomar posición sobre as grandes cuestións que orienten a política e o traballo do BNG nos distintos ámbitos de interese local.
Á Asemblea local correspóndelle, asemade, elixir o Consello Local, que se forma tras un proceso ao que poden concorrer unha ou varias candidaturas. É tamén atribución propia da Asemblea Local elevar ao Consello Nacional do BNG, a través do Consello Comarcal, a proposta de candidatura nas Eleicións Municipais. A organización local enlaza coa organización comarcal do BNG a través do seu Responsable Local, que forma parte do Consello Comarcal.
O Consello Local é o órgano de coordenación e dinamización da política do BNG no Concello de Silleda, compételle, xunto co grupo municipal, a representación pública da organización no município e a concreción das liñas de actuación política. Correspóndelle convocar á Asemblea Local, formar e actualizar o censo de militantes, aprobar o orzamento e o balanzo económico da organización local, aprobar e seguir o desenvolvemento dos planos de traballo das áreas de responsabilidade distribuídas entre os seus membros, informar das solicitudes de alta formuladas e tomar coñecemento das acordadas polo Consello Comarcal, aprobar e dirixir os órganos de expresión pública do BNG no ámbito local e levar a propaganda e as relacións cos meios de comunicación, entre outras funcións. Tamén é atribución própia do Consello Local apresentar á Asemblea Local unha proposta de candidatura nas Eleicións Municipais. Para atender as diversas tarefas atribuídas ao Consello Local este distribúe entre os seus membros distintas responsabilidades e pode constituir comités, gabinetes de asesoramento ou Comisións temáticas –estas últimas abertas á libre participación- de carácter permanente ou temporais para unha finalidade específica.
Galiza Nova, como organización da mocidade do BNG, designa ao seu próprio representante no Consello Local. [+]
Entrevista a Óscar Ares, responsábel local.
Óscar Ares responsable local do BNG de Silleda e desde este cargo pretende “achegar, máis se cabe, o partido aos cidadáns”. Admite que os últimos resultados electorais non foron os desexados, pero non dubida en valorar o traballo da anterior voceira municipal, Carme Fidalgo. Aínda que a formación frentista prefire separar o traballo da agrupación local do que fan en cada concello, Ares tén claro que o BNG aportará iniciativas no seo da corporación e esforzarase para presentarse diante da cidadanía en 2011 cunha bagaxe importante como para incrementar a súa representación institucional.
[+]