Entrevista a Óscar Ares, responsábel local.
Óscar Ares responsable local do BNG de Silleda e desde este cargo pretende “achegar, máis se cabe, o partido aos cidadáns”. Admite que os últimos resultados electorais non foron os desexados, pero non dubida en valorar o traballo da anterior voceira municipal, Carme Fidalgo. Aínda que a formación frentista prefire separar o traballo da agrupación local do que fan en cada concello, Ares tén claro que o BNG aportará iniciativas no seo da corporación e esforzarase para presentarse diante da cidadanía en 2011 cunha bagaxe importante como para incrementar a súa representación institucional.
–Como afronta o nomeamento como responsable local do seu partido en Silleda?
–Pois, ben, e coa idea de conformar un equipo con caras novas, máis amplo do que había e coa intención de introducirse máis na sociedade; traballar en conxunto e estar sempre coa xente.
–Ademais dos cambios no órgano de dirección do BNG, tamén se renovou o grupo municipal. Como valora o traballo feito por Carme Fidalgo?
–A verdade é que incluso desde fóra do noso partido se valorou como moi bo, aínda que para o BNG foi perfecto. Unha cousa é que os resultados electorais non nos acompañasen; pero en atención, traballo e honradez non se pode ter ninguén mellor ca Carme. Cando ata os contrincantes políticos a alaban será por algo.
–Cal é a súa percepción sobre o que acontece no goberno?
–Desde fóra un pensa que é unha mágoa que pasen estas cousas, pero nunca puidemos saber cales eran os problemas reais. Intentouse dialogar co PSOE para acadar un goberno estable, pero non podes facelo con xente que non está disposta a falar. A ver se agora mudan as cousas, vai depender do goberno. Se as súas iniciativas son boas para Silleda serán ben recibidas porque somos responsables, a nosa intención non é a de desgastar ao goberno do PSOE, é de que as cousas se fagan ben.
–Cal será o posicionamento do BNG diante dunha posible moción de censura?
–Non sei en que termos pode facerse pero sempre dixemos que non favoreceriamos a entrada do PP no goberno. Non creo que nin nolo propoñan. Pero tampouco iso quere dicir que lle deamos todo por ben feito ao actual grupo de goberno.
–Lamenta que o Bloque non tivera entrado no executivo ou cre que non se deron as condicións para que fose posible?
–Nós xa explicamos como foi o proceso. Claro que ¡non se deron as condicións porque non había unha invitación clara por parte do PSOE para que entraramos no goberno. Non viñeron con propostas concretas nin cun proxecto político. As súas propostas eran doutro tipo.
–Que papel vai ter o BNG nestes menos de dous anos que quedan de mandato?
–Levaremos propostas construtivas coma sempre e faremos oposición. As cousas tamén van depender de como estea o goberno, que está un pouco no aire. Pero creamos un grupo amplo para traballar pola xente.
–Terán algunha prioridade...
–Si, queremos contactar coa cidadanía e cos colectivos para coñecer as súas demandas e poñernos ao día. Se nos deixan, iremos levando as nosas propostas.
–Será moi cedo logo para falar do candidato en 2011, non?
–Non o falamos aínda, pero o noso traballo é de equipo. A persoa que o lidere, aínda que é importante, pode ser calquera porque todos cremos nun proxecto claro e realista para o concello.
–Que precisa o Bloque para acadar un respaldo máis importante da cidadanía?
–Depende de moitos motivos. A nivel nacional tampouco hai bos resultados. A xente tennos simpatía, pero precisamos eses votos que nos fan falla para medrar. Fálase do chamado voto útil, que ás veces se converte en inútil, e Silleda é un bo exemplo. Hai que estar máis cos veciños e que se fale de Silleda por cousas positivas, non coma nestes últimos anos. Agora tocaranos a nós, supoño, facer ben as cousas.
Fonte:
Faro de Vigo. Entrevista de Alfonso Loño logo do nomeamento de Óscar Ares.