Da Torre pídelle ao PP que fundamente as súas críticas sobre o tema da SGAE e non danen o exercicio democrático dos Consellos Parroquiais
Matías rodríguez da Torre saiu ao paso das acusacións vertidas polo PP sobre a que segundo conservadores foi falta de transparencia no tema da débeda que a SGAE reclama ao presidente da comisión de festas de Silleda no verán pasado, demandándolle ao PP maior rigor na crítica, pois coida que apenas son coñecedores do asunto e só meten cizaña para acabar perxudicando a imaxe do Concello e mesmo a de particulares.
O concelleiro de Cultura e Turismo volve reiterarse nos seus argumentos sobre a débeda, porque foi público e notorio que o Concello non organizou as festas e polo tanto a SGAE non pode esixirlle o pagamento á administración local. E indica o portavoz do BNG que máis transparencia imposíbel cando o que se fixo foi apoiar á comisión nestes temas administrativos.
Finalmente e rematando de vez con esta cuestión, pois segundo Da Torre “non dá para tanto ruído”, advírtelle ao PP que “por suposto que comparecerá no pleno, tal e como fai sempre, e dará todoas as explicacións precisas –se é que non chegaron-, pois é a súa obriga como concelleiro, ao igual que tamén é obriga do Partido Popular de Silleda preocuparse polos silledenses nos plenos, xa que como se está a comprobar nin tan sequera teñen rogos nin preguntas a facerlle ao goberno local, e pasan os plenos con debates que nunca miran polos problemas ou as queixas das persoas de Trasdeza.
A respecto da presunta manipulación e o presunto control dos Consellos Parroquiais, lémbralle aos populares que eles votaron a favor do regulamento de participación cidadá en setembro de 2011, o que significa que están a favor de rematar cos pedáneos nomeados a dedo e abrirlle paso por primeira vez á representación democrática nas parroquias, polo que os convida a participar activamente nas reunións para observar o qué se di, e a mais, a que non convirtan unha aposta pola liberdade dos veciños á hora de escoller os seus representantes nunha loita entre política entre partidos, pois “o benestar das parroquias e a xente están por enriba de calquera organización política”.