O BNG A Estrada-Deza mostra o seu total apoio á Folga Xeral do 29 de marzo de 2012 e convoca á cidadanía respaldala

O BNG quere manifestar o apoio ás mobilizacións e á folga xeral convocada para o 29 de marzo, caso da concentración de Silleda convocada para as 12h. Na Praza da IgrexaO BNG de Silleda forzou o adianto do pleno municipal para acordar co socio de goberno non celebralo o día da folga xeral. A presenza do BNG no goberno de Silleda móstrase fundamental para garantir coas súas propostas o dereito a folga por vez primeira no concello de Silleda.

Uha representación do BNG da comarca A Estrada –Deza, encabezada pola responsábel comarcal e concelleiros e concelleiras da organización nacionalista deron hoxe conta da súa visión da reforma laboral recentemente aprobada polo Goberno do Estado, a través do Real Decreto-Lei 3/2012, do 10 de febreiro, constitúe outro chanzo máis na aplicación de políticas regresivas e inxustas socialmente.
Na comarca a  maioría da poboación é traballadora, polo que se verá directamente afectada pola minoración de dereitos no desempeño do seu labor profesional imposta por esta reforma laboral, o que require un apoio explícito da institución local representativa ás medidas de rexeitamento da mesma.
A curta estancia do  Partido Popular no Goberno do Estado Español e a propia actuación da Xunta de Galiza gobernada polo PP, xa nos permite albiscar a asunción plena do programa económico dos grandes poderes económicos e financeiros, e a disposición para levar a termo políticas de axuste económico que atentan contra dereitos e conquistas sociais atinxidas a prol das maiorías sociais.


A regulación laboral agora en vigor socava dereitos dos traballadores e traballadoras e os sectores produtivos da poboación, actuando para iso sobre a rebaixa das indemnizacións por despedimento, a ampliación das facultades da empresa para ordenar modificacións discrecionais nas condicións de traballo e o aniquilamento da negociación colectiva como ferramenta indispensable da clase traballadora para a negociación laboral. O obxectivo último é a procura dunha maior precariedade e desregulación nas relacións laborais, que conduzan a unha redución real das rendas salariais, que xa viñan sufrindo un retroceso antes e, sobre todo, despois do estoupido da crise fronte ás rendas de capital.


Por outra banda, esta non é a reforma no eido do réxime laboral que se precisa para afrontar unha recuperación económica baseada na creación de emprego estábel e digno, que é a principal aspiración da maioría das persoas no noso país, especialmente dunha parte importante que atravesa graves dificultades económicas. Esta afirmación, non procede das organizacións e persoas contrarias á reforma, senón que mesmo foi emitida polo Goberno e partido impulsores de dita reforma laboral, que recoñeceron a súa nula contribución cara a xeración de emprego, evidenciando dese xeito que a verdadeira xustificación para adoptala é a de satisfacer as arelas de minoritarias élites económicas de reducir os dereitos laborais a mínimos para mellorar en exclusiva a taxa de beneficios e o reparto de dividendos entre os accionistas das grandes corporacións empresariais.
A CIG foi a primeira central sindical en Galiza que convocou esta folga para o vindeiro 29 de marzo, e posteriormente sumáronse as centrais sindicais estatais maioritarias, a fin de que os traballadores e traballadoras expresen o seu rexeitamento á reforma laboral, tanto polo contido antisocial concreto que contén, como por representar unha medida máis dentro da política de retallamentos sociais que o actual Goberno do Estado secundado polo da Xunta está disposto a emprender.


Polo cal o BNG quere manifestar o apoio ás mobilizacións e á folga xeral convocada para o 29 de marzo de 2012 polo sindicalismo nacionalista, e as outras centrais sindicais, en contra da reforma laboral aprobada polo Real Decreto 3/2012, do 10 de febreiro, e demandar da cidadanía a súa participación tanto na Folga como nas manifestacións convocadas para o día 29 de marzo, caso da concentración de Silleda convocada para as 12 h na Praza da Igrexa.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]