Davila demanda ao Goberno unha rebaixa da peaxe da AP-53 entre Santiago e Lalín, unha das máis caras do Estado

A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demanda ao Goberno a rebaixa da peaxe na autoestrada AP-53 Santiago-Lalín.
A deputada do BNG denuncia que o tramo Santiago-Lalín da autoestrada AP-53 ten unha das peaxes máis caras do Estado, o que “imposibilita a función para a que se construiu no seu día, e que debía servir para vertebrar e favorecer o desenvolvemento económico do interior de  Galiza”.
Davila lembra que este tramo da AP-53 é de titularidade estatal, “a pesar de que as obras foron custeadas pola Xunta, con 60 millóns de euros, e pola concesionaria e varios inversores privados, con 158 millóns. Fomento aportou outros 60 millóns pero através dun préstamo participativo”.


A concesionaria tampouco ofrece bonos desconto

A deputada do BNG pón de manifesto que nos últimos catro anos as subas aprobadas por Fomento supuxeron un encarecemento da peaxe de “nada menos que do 41%”A deputada nacionalista destaca que foi sufragada con fondos públicos en boa medida, pero tanto a Xunta como o Goberno central, ambas administracións gobernadas polo PP, decidiron adxudicar a explotación a unha empresa privada. “O resultado é que o prezo da peaxe desta autoestrada é hoxe un dos máis elevados do Estado, soporta tarifas por riba da media”.
Ademáis, recalca Davila, nos últimos catro anos as subas aprobadas polo Ministerio de Fomento supuxeron un encarecemento da peaxe de “nada menos que do 41%”. Sen esquecer que a concesionaria non ofrece ningún tipo de bono desconto. “E os conductores carecen dunha auténtica alternativa libre de peaxe á AP-53, xa que a N-525 entre Lalín e Santiago é practicamente unha travesía urbana coa velocidade limitada en moitos tramos a 50 quilómetros hora”.
Estas son as razóns polas que a parlamentar nacionalista solicita ao Goberno medidas para que se rebaixe a peaxe desta autoestrada, para que a concesionaria contemple bonos de desconto, e para que estabeleza tarifas reducidas para os vehículos pesados.
Por último, a deputada do BNG pón de manifesto a contradición de que unha mesma vía, a AP-53, teña un tramo libre de peaxe, entre Dozón e Ourense, e outro que soporta unha das peaxes máis caras do Estado, o de Santiago-Lalín. 

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]