Constitúese o Consello Comarcal do BNG de A Estrada - Deza

O Consello Comarcal do BNG da Estrada-Deza quedou constituído o pasado xoves 15. Aprobouse por unanimidade a distribución das Responsabilidades polos 20 integrantes do CC asistentes á reunión. Resultaron designados responsables , Mar Vila -Organización- , Carme Fidalgo -Finanzas -, Manuel Rendo -Municipal- e Xesús Cordeiro, Menfis, que asume Comunicación xunto co Vicerresponsábel -Matías da Torre-, os cinco máis a Responsábel Comarcal -Raquel López-, conforman a Executiva Comarcal.

Cinco membros do CC son militantes do BNG de Silleda, entre eles están: Oscar Ares (responsábel local), Carme Fidalgo, Matías Rodriguez, Tania Cornado e Pablo Santomé.O máximo órgano comarcal do BNG estableceu nesta xunta o Plano de Traballo para o vindeiro trimestre, para os ámbitos social e organizativo. No primeiro, tanto a mobilización social contra da reforma laboral en marcha, coma a difusión das propostas do BNG para a creación de emprego e saída da crise, serán unha das prioridades dos próximos meses.

Neste sentido xa se realizaron actos específicos na comarca referentes á reforma laboral e á folga xeral; tamén se presentarán nos próximos días Mocións nos concellos, nas que se fai un chamamento á participación activa na Folga convocada pola CIG para o 29 de marzo, que o BNG apoia activamente, por considerar que esta reforma laboral do PP é unha agresión sen precedentes aos dereitos de todos os traballadores e traballadoras.

O Consello Comarcal da Estrada-Deza quere destacar que ningunha das baixas afectou aos órganos locais e comarcais do BNG renovados neste proceso, nin até este momento a representantes institucionais do Bloque Nacionalista Galego.Así mesmo, tamén dentro do plano de traballo, a comarca A Estrada-Deza adicará os seus esforzos á conmemoración do Día das Letras Galegas do 17 de maio, que terá, á vista das agresións infrinxidas pola agresiva política do PP, un carácter reivindicativo e de defensa dun dos nosos principais sinais de identidade como é o idioma galego.

Por outra parte, o Consello Comarcal tamén organizará xornadas de formación dirixidas a militantes e simpatizantes, encol de temas de máxima actualidade (crise económica, políticas de vivenda, administración local e Política Agraria Común).

A respecto das cuestións de tipo organizativo, o Consello Comarcal realizou unha análise da situación interna do BNG, tomándose en consideración das baixas de afiliación producidas até o momento (18) a petición dos xa ex-militantes, asumindo que os ata agora compañeiros Gonzalo Constenla e Belén Pazos, elevarán as baixas á vintena ao ser incompatible a militancia en organizacións políticas alleas ao BNG coa militancia no mesmo, ao formar parte ambos os dous do novo partido, malia non ter solicitado as baixas formalmente até o momento.

Neste sentido, o Consello Comarcal lamentou as baixas producidas, sen embargo quere subliñar que a meirande parte dos militantes do BNG seguen e seguirán na organización, e ante esta situación temos detectado en todas as localidades da nosa comarca que están máis activos que nunca a prol dun BNG máis forte.

Por outra parte, o Consello Comarcal acordou convocar Asemblea Local da militancia de Cuntis (será o vindeiro día 20) dado que o Responsábel Local en funcións desta Localidade solicitou a baixa sen ter convocado a Asemblea para renovar os cargos, como é preceptivo logo de todo proceso asemblear.

O Consello Comarcal da Estrada-Deza quere destacar que ningunha das baixas afectou aos órganos locais e comarcais do BNG renovados neste proceso, nin até este momento a representantes institucionais do Bloque Nacionalista Galego. En relación a isto último, o Consello Comarcal valora que cando unha persoa abandona libremente a militancia nunha organización, por coherencia política debe formalizar tamén a súa baixa como cargo público elixido baixo as siglas do BNG; consecuentemente con isto o BNG esixirá as actas a todos aqueles cargos que abandonen a organización por non estar dispostos a representar ao Bloque Nacionalista Galego, formación pola que concorreron e á que representan nas Corporacións Locais. Neste sentido,  o Consello Comarcal lembra que do contrario estamos a falar de  tránsfugas (ao abandonar durante o mandato a organización política pola que concorreron a ese cargo) e pasarán como tales a ser Concelleiros/as Non Adscritos, xa que se ben a lexislación eleitoral recoñece o carácter persoal da acta, penaliza o transfuguismo, e coas últimas medidas introducidas para evitar estas condutas anti-éticas prohibe a constitución de novos grupos municipais. Cuestión plenamente aplicable no caso do, ata o memento, portavoz de Agolada a quen se lle esixirá a Acta, se como anunciou publicamente deixa o BNG.

Para rematar, o Consello Comarcal expresou o seu desexo de que esta situación, con continuas aparicións nos medios de comunicación finalice con prontitude e que as mensaxes que cheguen á cidadanía sexan as do BNG coas nosas propostas, que é o que en realidade lle interesa á sociedade galega, como pon de manifesto a numerosa asistencia aos actos que estamos a convocar sobre a reforma laboral e a folga xeral.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]