Preguntas
MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE, concelleiro do BNG acreditado no Concello de Silleda presenta as seguintes PREGUNTAS PARA SEREN RESPONDIDAS NO PLENO
DO 30 DE SETEMBRO DE 2009
Sobre o servizo do programa de Canguraxe
1.- A que se deberon as incongruencias nas datas de finalización da concesión do programa de canguraxe no verán?
2.- Por que se enviou á forza de orde local para advertir do desaloxo aos responsábeis de ACODE? Foron e son concientes do bochorno público ao que foi semetida de novo Silleda?
3.- Están a comprobar de xeito asiduo e frecuente a marcha da nova concesión do programa de Canguraxe para o presente ano lectivo?
4.- Por que este concelleiro que lles pregunta non puido ter coñecemento e acceso da oferta pública o servizo de Canguraxe, as bases do concurso e o seu resultado antes de ser público? Agochaban algo que non debiamos ver ou simplemente o fixeron por desprezo cara a fiscalización democrática que debe realizar a oposición?
5.- Por que o modelo escollido para a contratación foi un negociado sen publicidade?
Sobre o bosque de Cascaxide
5.- Por que unha vez que a Xunta de Galiza lle dá 10 días hábiles o pasado 16 de febreiro para completar o contido do expediente, o Concello non continuou co expediente iniciado polo propio Concello o 7 de abril de 2009 no que se recollia unha solicitude do Bosque de Cascaxide como ENIL –Espazo natural de interese local, para o que exsitía un acordo plenario do 26 de decembro de 2008?
6.- O 16 de abril de 2010 declárase por parte da Xunta de Galiza concluso o procedemento iniciado por desistimento do solicitante para o ENIL do Bosque de Cascaxide, mais daba a propia Consellaría do Medio Rural a posibilidade de interpor un recurso de reposición ante o Conselleiro no prazo dun mes, mais o Concello non fixo absolutamente nada. A que se debeu tal pasividade para non tentar procurar esa figura que protexese o bosque citado?
7.- Son conscientes de que non están a facer o máis mínimo por protexer e conservar un espazo tan rico en solo rustico e masa forestal de carballos, piñeiros, castiñeiros, etc, centenarios en moitos casos, por que simplemente se escudan en que iso é un conflito familiar e forma parte dunha propiedade privada? Saben que as propiedades privadas cando teñen interese social poden ser protexidas por diversas vías legais? Van responabilizarse deste monte ou deixarán que sexa devastado sen procurar a intervención da administración pública no seu control?
Outras preguntas:
8.- Fixeron ou van facer algunha solicitude ao Instituto Galego de Enerxía INEGA para buscar a eficiencia e o aforro enerxético nas dependencias e alumeado público de Silleda? Saben que algunhas das posibilidades ofertadas pola Xunta xa remataron os prazos?
9.- Como está a negociación que teñen en marcha do convenio colectivo co persoal laboral deste Concello? Acordaron xa algo en firme? Por que non se negocia entre todas as forzas políticas desta corporación?
10.- Poden dar razón de por que desde a Xunta non se executaron as obras do PEIM (Proxectos Estratéxicos de Infraestruturas no Medio Rural) de 2009 nas que ían incluídas a finalización de distribución das augas de Piñeiro? Saben que por causa diso as augas de Piñeiros seguen pendentes e deste xeito, non houbo investimento para o abstecemento de augas en Saídres, ao ter que pedilo vostedes para a parroquia de Piñeiro? Que van facer agora tanto nunha parroquia como na outra?
11. Unha vez máis comprobamos que os gobernantes do noso Concello non se decatan case de nada á hora de xestionar e de mirar polos intereses dos veciños, sabeno, non si?
12.- Por que seguen erre que erre en non adevertirlle á oposición –membros lexítimos desta corporación municipal- das visitas institucionais? Tivemos recentemente dous exemplos: a do Conselleiro de Industria (xunto co ministro sen carteira deste Concello) e de Educación. Eles e vostedes son representantes públicos da cidadanía, igual que os grupos municipais da oposición, mais neste Concello parece que hai pelexas por facer a pelota e dorar a píldora, na vez de cumprir coas súas obrigas de poñer en coñecemento de todos os concelleiros e concelleiras deste Concello
13.- Que decisión van tomar coa continuación das obras do Centro Cultural Vista Alegre. Ali tívose un esforzo moi importante e agora resta acabalas. Non lles parecería conveniente que desde o Concello se consensúe unha petición formal á Consellaría de Cultura para que remate dunha vez o que xa se iniciou en 2007? Non se neguen de novo, que isto é un ben para todos e todas os trasdezaos e trasdezás.
14.- Responderon xa desde a Consellaría de Educación polas demandas dos centros de ensino públicos sitos no noso concello, nomeadamente o patio cuberto para o CEIP de Silleda e o cerramento interior para o CEIP da Bandeira?
15.- Hai uns días déronlle unha información aos medios de comunicación da nosa zona sobre a posibilidade de adecuar dúas zonas de aparcadoiro de vehículos en Silleda. En principio alegrámonos de que teñan a ben tomar conscinencia dunha iniciativa do BNG de xa hai anos por se tratar dunha cousa doada de facer, á parte de contar cun custo moi baixo e parécenos excelente que teñan deixado de lado a “idea faraónica do aparcamento subterráneo”. Mais poden precisar onde se van situar estes espazos?
16.- Cando será o momento no que se nos pase a documentación das sesións plenarias con tempo? Saben que nestes días, exactamente o martes, aínda recibimos actas das xuntas de goberno do mes de xullo, ocorrendo exactamente cos Decretos da Alcaldía? Alén de tratar nas Xuntas de Goberno temas moi vanais, sen recoller o que pasa no día a día aos veciños e veciñas de Trasdeza.Vostedes o que fan é entorpecer a fiscalización que hai que facer da súa xestión.
17.- Por que non mostran a documentación cando se lles require, escudándose en que teñen que reunila os departamentos respectivos, cando tdos e todas temos coñecemento de que está preparada? Saben que se dedican a obstruír a documantación pública e iso está tipificado como un delito?
18.- Este ano deixaron de man a promoción de proxectos dinamizadores da AGADER –Axencia Galega de Desenvolvemento Rural-, mais ben só se dedicaron a atender aquelas solicitudes de colaboración e axuda que lle viñan dos de anos ateriores, caso dos de Toiriz, Parada, O Castro, Adellís en Carboeiro, mais teñen que saber que este ano non se distribuíu nada para Silleda, e foi por unha cousas, porque non se pediu nin se avalou a ningún colectivo para ningún proxecto. De todas as terras de Compostela houbo 5, cando no período anterior 2008-2009, só en Silleda observen os que se levaron a cabo. Saben o que son e para qué serven as bases dos proxectos dinamizadores da AGADER. Van promocionar algún para a convocatoria que se vai abrir, presumibelmente, en 2011 de novo?
19.- Lembrando as nosas palabras do ano pasado por estas datas, farémoslle a mesma crítica e pregunta que daquela. Dacordo coa Lei de Facendas locais a señora alcaldesa ten que elaborar a liquidación do orzamento en marzo e dar conta no primeiro pleno que se celebre. Isto non se fixo, por suposto. Cando teñen pensado traer a pleno a liquidación do orzamento?, pois terán coñecemento que xa estamos nas datas nas que segundo e lei lles tocaría presentar a conta xeral.
Pregunta realizada no propio pleno:
- Canto lle van custar este ano ao Concello de Silleda a organización das festas do Verán de Silleda e da Empanada na Bandeira?