Moción de condena pola ocupación do Sahara Occidental
MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE, concelleiro do BNG acreditado no Concello de Silleda presenta a seguinte MOCIÓN DE CONDENA POLA OCUPACIÓN DO SAHARA OCCIDENTAL
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O pasado 8 de novembro o exercito marroquí atacou o campamento instalado por máis de 20.000 saharauís en Agdaym Iciq, moi perto do Aaiún. Este campamento conformado por máis de 6000 haimas estaba situado no territorio saharauí ocupado militarmente por Marrocos co obxectivo de esixir o respecto polos dereitos humanos e demandar o referendo de autodeterminación pendente para o pobo saharauí. Con este ataque contra civís, unha vez máis o Reino de Marrocos vulnera o dereito internacional e os dereitos humanos, tendo desta volta como resultado a morte de cando menos 13 persoas e detendo a máis de 50 saharianos.
Mais esta non é a primeira das agresións de Marrocos ao pobo saharauí, senón que é a última barbarie de Marrocos, no momento no que se están a cumprir 35 anos da invasión do Sáhara Occidental, despois de que o Estado español o “entregase” a Marrocos e Mauritania. Durante as últimas semanas o cerco militar sobre este campamento tiña restrinxido o acceso á comida tentando condenar á fame á contestación sahariana e mesmo disparando contra adolescentes como ocorreu hai uns días cando morreu un mozo de 14 anos.
MOCIÓN
Por todo o dito, o BNG propón que o Pleno da Corporación Municipal, facéndose eco do sentir da maioría dos veciños e veciñas e desde a defensa da legalidade internacional e da solidariedade entre os pobos e a boa relación mostrada entre moitas familias silledenses coa acollida de rapaces procedentes do Sahara, adopte o seguinte
ACORDO
1.Manifestar o apoio do noso concello ao pobo saharaui, expresando a condena pola ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental e reclamando a súa descolonización definitiva a través do exercicio do dereito á autodeterminación recoñecido polas Nacións Unidas. Así mesmo, condenar a represión e a violación dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental por parte das autoridades marroquinas.
2. Condenar os brutais actos terroristas cometidos polas forzas de goberno marroquí contra os campamentos de refuxiados saharauís nas últimas semanas, e instar ao goberno español á abandonar a súa equidistancia entre as dúas partes, posicionándose de xeito claro coa parte agredida, a poboación saharauí.
3. Reclamar do goberno español o recoñecemento oficial da República Árabe Saharaui Democrática e, así mesmo, o impulso no ámbito internacional do incremento da axuda humanitaria dirixida aos campos de refuxiados de Tinduf.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre