Moción sobre as modificacións na identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras.
MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE, concelleiro do BNG acreditado no Concello de Silleda presenta a seguinte MOCIÓN SOBRE AS MODIFICACIÓNS NA IDENTIFICACIÓN, REXISTRO E CONTROL DAS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Nas últimas semanas, a Consellaría do Medio Rural anunciou unha serie de cambios no que respecta ao sistema de identificación e rexistro do gando bovino.
Nestes momentos, a maioría das identificacións estábase facendo a través de persoal veterinario identificador que acudían ás explotacións para lle poñer o crotal aos animais e ao mesmo tempo, para daren de alta os distintos movementos que se producían nestas explotacións como o nacemento, compra - venda ou morte dun animal.
A presenza de persoal veterinario nas explotacións, en xeral, facilítalles moito o labor aos gandeiros e ás gandeiras, pois colaboran para anotar correctamente no libro de explotacións e
favorecen un control e seguimento moito máis rigoroso e axeitado, cuestións de suma importancia, dado que moitas das axudas europeas están directamente vinculadas á correcta identificación dos produtos.
Segundo os anuncios de responsábeis da Xunta de Galiza, os cambios implicarían o despedimento do persoal veterinario encargado deste labor e suporían a supresión da visita do mesmo ás explotacións (só se achegarían a estas, no futuro, para facer inspeccións) quedando a identificación, rexistro e anotacións dos animais no libro de explotación, unicamente a cargo dos
gandeiros e das gandeiras, que deberían pasar a recoller as chapas na Oficina Agraria Comarcal e, por tanto, limitando o asesoramento e o seguimento directo por parte da administración en todo este proceso. De se confirmaren estes cambios, a maioría das xestións administrativas terían que facelas os gandeiros e as gandeiras a través dunha “Oficina Agraria Virtual” da Xunta,
vía internet ou no seu caso telefonicamente.
Esta medida pode supor problemas para moitos gandeiros e gandeiras, pois a maioría das explotacións non poden dispoñer de acceso a internet, situación que lles obrigaría a trasladarse á Oficina Comarcal para uns trámites ou chamar a un teléfono da Xunta para outros, aumentando deste xeito, o custe e o tempo de atención á explotación, e en boa medida, os propios custos da tramitación.
Pero, ademais, as modificacións que se propoñen van influír no sistema de control da sanidade animal. O sistema actual está recoñecido por todos os axentes do sector como unha das mellores garantías da sanidade animal e en consecuencia de seguridade da cadea alimentaria humana. Hai que ter en conta que o 90 % dos animais comisados nos matadoiros proveñen de
comunidades nas que non existe o sistema de control de identificación e que calquera situación de dúbida podería provocar o afundimento do mercado de carne.
A iniciativa vai no camiño de debilitar o sistema de seguimento e control público da sanidade animal, introducindo neste campo a xestión de entidades privadas, e que tan serias repercusións tivo e pode ter para a calidade da nosa cabana gandeira e en definitiva para garantir a calidade, trazabilidade e sanidade da carne que entra na cadea alimentaria.
A maiores, previamente á implantación de calquera medida que obrigue aos gandeiros e gandeiras a utilizar unha Oficina Agraria Virtual para poder relacionarse oficialmente coa Administración galega, exixe desta que dote do servizo de internet con cobertura efectiva e real a todas as explotacións do noso medio rural.
MOCIÓN
Polo exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Silleda a adopción do seguinte
ACORDO
Demandar da Xunta de Galiza o mantemento do sistema de identificación, rexistro e control das explotacións gandeiras coas garantías e nas condicións nas que se vén desenvolvendo este servizo público.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre