Moción para demendar atención e servizos na Sanidade Pública

MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE, concelleiro do BNG acreditado no Concello de Silleda presenta a seguinte MOCIÓN PARA DEMANDAR ATENCIÓN E SERVIZOS DE CALIDADE NA SANIDADE PÚBLICA


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Existe moita preocupación entre a cidadanía pola situación e perspectivas da sanidade pública tanto do noso concello como da Área de Saúde á que pertencemos.
Nos últimos anos estamos observando e sufrindo unha deterioración dos servizos públicos que se concretan no caso da sanidade nun incremento das listas de espera, incluso en atención primaria; nun incremento da derivación a centros privados concertados; no peche dos hospitais pola tarde, na paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria e ultimamente na ameaza de privatización e financiamento público privado das novas infraestruturas sanitarias. Todo isto acompañado e, en parte, motivado pola redución de gasto sanitario público e a redución de recursos correspondente.
Cremos que estamos ante un momento importante para o noso concello, na que a Corporación Municipal, como representantes do conxunto da cidadanía, e indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, deben estar á altura do que os veciños e veciñas demandan e traballar conxuntamente para que no noso concello se poida dispor e acceder a servizos da sanidade públicos de calidade.
Non se pode nin se deben admitir os intolerábeis niveis de saturación e de falta de medios e de recursos sanitarios que se están a producir. Os concellos da Área de Saúde á que pertencemos, necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais.


MOCIÓN


Polo exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Silleda a adopción do seguinte

ACORDO

PRIMEIRO. Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais de contratación de persoal, cubrindo en todo momento o 100% das ausencias por enfermidade, permisos e vacacións, que eviten a actual mingua da calidade asistencial.
SEGUNDO. Exixir que, de forma inmediata, se doten dos recursos necesarios os centros de saúde do concello para evitar listas de espera .
TERCEIRO. Revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar aqueles que non sexan necesarios, tal como dispón a Lei Xeral de Sanidade.
CUARTO. Manter o Plan de Mellora de Atención Primaria, garantindo a adecuación dos tempos de consulta médica, a extensión dos coidados e plans de coidados de enfermaría e dos servizos administrativos de atención ao usuario.
QUINTO. Redución drástica das listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos.
SEXTO. Paliar a carencia de recursos públicos sociosanitarios da Área Sanitaria, actualmente moi insuficientes, dadas as características de idade da nosa poboación.
SÉTIMO. Manter os compromisos económicos estabelecidos coa nosa Área Sanitaria, para desenvolver o Plan Director de Infraestruturas Sanitarias 2008-2013 e o Plan de Investimentos en Alta Tecnoloxía Médica.
OITAVO. Financiar a construción e equipamento de infraestruturas sanitarias mediante financiamento público 100% a través do capítulo IV de Orzamentos do Servizo Galego de Saúde ou, na súa falta, mediante a empresa pública de investimentos Sociedade Pública de Investimentos de Galiza (SPI).
NOVENO. Apoiar cos medios dispoñíbeis as actuacións das organizacións de defensa da sanidade pública galega e local.
DÉCIMO. Trasladar o presente acordo ao Presidente da Xunta de Galiza, á Conselleira de Sanidade e ao conxunto da poboación, dándolle a máxima difusión posíbel cos medios dispoñíbeis no Concello.

Asdo./ Matías Rodríguez da Torre

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]