Moción para garantir os investomentos no ensino público

MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE, concelleiro do BNG acreditado no Concello de Silleda presenta a seguinte MOCIÓN PARA GARANTIR OS INVESTIMENTOS NO ENSINO PÚBLICO

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Para garantir a calidade educativa do ensino público de Galiza é necesario que o investimento público garanta o acceso á mesma en igualdade de condicións para todos os nenos e nenas. Esta premisa é aínda máis importante en época de crise xa que podemos ver acentuadas as diferencias entre as familias para poder manter un acceso igualitario á educación. Non obstante, para o vindeiro ano 2011 os orzamentos de Educación da Xunta de Galiza sofren unha baixada importante de case un 7% que afasta cada vez máis a Galiza de conseguir o obxectivo de aproximarse ao 6% do PIB.
O preocupante desta caída é que afecta de forma moi directa á partida de investimento, xa que existe unha redución drástica que pode chegar a poñer en perigo a conservación e mellora dos centros de ensino públicos. Asemade a redución é moi significativa en partidas que teñen como destinatario directo o alumnado. De feito as bolsas para aprendizaxe de idiomas sofren un recorte de máis do 35%, as bolsas para realizar prácticas en empresas de formación profesional máis dun 52% e as bolsas para o alumnado universitario preto do 50%. Destacando tamén o elevado recorte que sofren as axudas as ANPAs para a xestión de comedores escolares que chega a un 35%. Esta redución pode implicar que en moitos centros o servizo de comedor chegue a estar en perigo. Non obstante, e como mostra da liña política que segue o PP na Xunta de Galiza, a mesma Consellaría reserva 2 millóns de euros para cambiar os libros de texto de galego a castelán para o próximo curso.         
Por todo isto, o Grupo Municipal do BNG proponlle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

MOCIÓN

Polo exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Silleda a adopción do seguinte

ACORDO


Instar ao Presidente da Xunta de Galiza para que a Consellaría de Educación:
1.    Manteña as partidas de bolsas para o alumnado, destinadas a estudar idiomas, bolsas para as prácticas de FP e para os estudos universitarios, cun importe como mínimo ao recollido nos orzamentos deste ano 2010.
2.    Manteña a partida adicada a axudas as ANPAS para a xestión dos comedores escolares cunha dotación que como mínimo se equipare á dos orzamentos da Xunta de 2010.
3.    Incorpore aos orzamentos de 2011 os recursos suficientes para que as reparacións e mantemento dos centros públicos de ensino estea garantida.


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]