Moción para esixir o mantemento do Noitebus.
MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE, concelleiro do BNG acreditado no Concello de Silleda presenta a seguinte MOCIÓN PARA EXIXIR O MANTEMENTO DO NOITEBÚS .
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O PP, a través da Xunta de Galiza, vén de anunciar a súa intención de suprimir o servizo coñecido como Noitebús. Esta iniciativa, posta en marcha na pasada lexislatura, forma parte das actuacións destinadas a mellorar a seguranza viaria e reducir a sinistralidade, cubrindo as necesidades de desprazamento nocturno da mocidade. A demanda que rexistrou desde a súa posta en funcionamento dan boa mostra de que é un servizo necesario do que non se pode prescindir.
É lamentábel, á par que unha irresponsabilidade, escoitar do Presidente do Goberno Galego que “este é un servizo que resulta innecesario nun momento de dificultades económicas”, cando persoas expertas nesta materia fixeron público o seu desacordo nestes mesmos días. A propia Dirección Xeral de Tráfico (DGT) afirma que “este servizo ten demostrado a súa eficacia, ademais de contribuíu a eliminar vítimas e a concienciar sobre a condución segura”. Tamén a plataforma Stop Accidentes uniuse a estas manifestacións para cualificar a pretensión do goberno do PP de “desastre”, para engadir que “sempre é máis barato previr que lamentar”.
O BNG considera un auténtico desatino a intención do PP e o anuncio feito polo Presidente da Xunta. Os fondos destinados a previr os accidentes e dar servizos á xente nova non poden considerarse un dispendio. Por outra parte o custe do servizo é perfectamente asumíbel pola Xunta de Galiza. No ano 2010 a Xunta dedicou ao Noitebus pouco máis de 4,5 millóns de euros, unha cifra que representa o 0,5% do orzamento da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Un investimento moi inferior ao gasto que o goberno do PP está a facer en propaganda e publicidade desde a Xunta de Galiza. O normal é que os recortes se realicen no ámbito da propaganda e non en servizos que cumpren unha función social evidente. A Xunta de Galiza debe rectificar esta decisión e manter o funcionamento dun servizo que ten demostrado a súa necesidade e utilidade.
No Concello de Silleda hai varios roteiros do servizo deste transporte público nocturno que son parada ou destino dos lugares de lecer, véxanse os traxectos:
. Ponte Ledesma-Silleda (pasando por Ponte)
. Vila de Cruces-Merza-Silleda (pasando por Ansemil, Martixe, O Castro)
. Laro-Silleda (con paradas en Cortegada e Siador)
. Lalín-Silleda (parando en Taboada)
. Silleda-A Estrada (con parada na Bandeira)
Previstos todos os venres até decembro de 2010, agás o percorrido á Estrada que ten lugar os sábados. Polo que se comproba que Silleda é un foco importante na ida o vinda deste transporte nocturno, sendo moi necesaria a continuidade do Noitebús para o futuro, pois só está asegurado –en principio- até finais de 2010.
Moción
Polo exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Silleda a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a manter o funcionamento do servizo de transporte público nocturno a lugares de lecer (Noitebus), sen aplicar ningunha redución das rutas existentes no Concello de Silleda e mellorando a súa dotación e funcionamento tamén no conxunto do territorio galego.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre