Moción de apoio xeral a folga do 29 de Setembro

A crise económica ten a súa orixe na aplicación de doutrinas políticas que construíron unha economía dominada polo capital financeiro e cada vez máis desconectada da economía produtiva e das necesidades reais dos pobos e as persoas. Así, quedaron demostrados os efectos perniciosos duns mercados financeiros desregulados, e a ineficacia dun modelo produtivo baseado no sector da construción e na actividade inmobiliaria.
A análise que propiciou as medidas que se recollen na reforma laboral parten dunha concepción errónea. Nela responsabilízase ao mercado de traballo do alto nivel e forte crecemento do desemprego. Non obstante, a dinámica de creación e destrución do emprego depende doutros factores, ligados principalmente ao dinamismo económico. Así, organizacións como a OCDE, que inicialmente defenderon a argumentación de que canta maior protección laboral, maior desemprego, no ano 2006 corrixiu as súas teses. Efectivamente, as causas do gran incremento do desemprego en Galiza radican no esgotamento dun modelo produtivo que tivo os seus principais eixos na baixa produtividade e na especialización en actividades de escaso valor engadido, cuxo exemplo máis claro é a creación dunha burbulla ao redor da actividade construtiva e inmobiliaria, cuxo estalido acentuou a intensidade do desemprego. A isto, únense outros factores, como a falta de competencias e existencia de vetos a Galiza para poder desenvolver completamente os seus sectores produtivos, como ocorre no sector naval ou o leiteiro, ou as limitacións no acceso ao crédito por parte de PEMES e autónomos.
Estas son razóns polas que a reforma laboral do goberno do PSOE non resolverá os problemas estruturais da economía galega, posto que non contempla medidas eficaces que permitan loitar contra o alto desemprego existente. A reforma laboral non vai crear emprego porque a causa da crise non radica no mercado de traballo nin na súa suposta rixidez. Constátase que o gran aumento do desemprego en épocas de crises afecta especialmente ao  Estado Español, con caídas do PIB equivalentes á media da Unión Europea, destrúese máis do dobre de emprego que na eurozona. E, no caso galego, entre 2007 e 2010 dobrouse o paro, xa que se pasou de 96.700 persoas a máis de 211.000. De feito, despois de aprobada a reforma laboral, comprobamos como en Galiza o paro rexistrado creceu durante o mes de agosto en 1743 persoas, o que significa un incremento do 0,8% con respecto ao mes anterior. Este dato amosa até que punto é falso que a reforma laboral sirva para crear emprego.
Pola contra, a actual reforma, que aumenta a flexibilidade no despedimento e na aplicación do salario pactado, atrasará a saída da crise e fará recaer sobre a clase traballadora as súas consecuencias máis dramáticas, supoñendo un recorte nos dereitos dos traballadores e traballadoras.
Un dos aspectos máis desacertados da reforma é o feito de abaratar e facilitar o despedimento. E con respecto ao pago polo FOGASA dunha parte da indemnización polo despedimento, esta supón un abaratamento do custo do despedimento por parte do empresariado, xa que só asumiría parte da indemnización, polo que, a efectos prácticos, o empresario terá maiores incentivos para o despedimento de traballadores. Tamén é especialmente grave a maior apertura á iniciativa privada da intermediación laboral. É necesario mellorar a intermediación laboral e reforzar os servizos públicos de emprego.
Ante esta reforma laboral é necesaria unha forte contestación social e política, como a convocatoria de folga xeral o vindeiro 29 de setembro, que desde o Bloque Nacionalista Galego apoiamos para que se muden as políticas económicas contrarias aos intereses de traballadores e traballadoras e da sociedade en xeral, ao tempo de defender un modelo económico que garanta prioritariamente o benestar das persoas a través da súa estabilidade nos empregos e o acceso a servizos públicos de calidade.
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte


ACORDO
Apoiar a convocatoria e a mobilización da Folga Xeral do vindeiro 29 de setembro.

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]