Moción relativa á abertura dunha canceira na comarca de Deza

MATÍAS RODRÍGUEZ DA TORRE, concelleiro do BNG acreditado no Concello de Silleda presenta a seguinte MOCIÓN RELATIVA Á ABERTURA DUNHA CANCEIRA NA COMARCA DE DEZA

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

É frecuente ver cans abandonados ao longo de todo o ano, pero anualmente,ao remate do período de caza, este número increméntase sensiblemente. Estes animais corren distinta sorte en función de se son acollidos ou non polos propietarios das casas onde son abandonados. En todo caso, os cans non teñen culpa do dono que lles tocou nin os veciños teñen por que cargar con un traballo que non lles corresponde nin  cos danos producidos polos cans.

Segundo a lexislación vixente , a competencia en materia de cans abandonados é dos concellos que deberán recollelos e retelos ata que sexan reclamados, acollidos ou sacrificados. Esta competencia, que a lei outorga aos aos alcaldes é incumprida pola totalidade dos alcaldes da comarca de Deza.
 
 Dado que os concellos non teñen capacidade económica para facer fronte aos gastos derivados da construcción dunha canceira e do seu mantemento, debería ser a mancomunidade do Deza, sumida nun profundo letargo desde o seu nacemento,  a que tomase en consideración a dotación deste servizo a nivel comarcal. A mesma lexislación  tamén di que se poderán establecer convenios de cooperación para o mantemento do servizo coa Consellaría competente na materia.

MOCIÓN

Polo anteriormente exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO


1. Que o Concello de Silleda  reclame á mancomunidade de concellos Terras de Deza un estudo de custos da construcción e mantemento dunha canceira comarcal que preste servizo a toda a comarca para a recollida, mantemento e tratamento dos cans abandonados.

2. Que a mancomunidade de Terras de Deza faga as xestións oportunas de cara a conseguir un convenio de cooperación para a construción e mantemento dunha canceira comarcal coa Consellaría da Xunta de Galiza competente na materia


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre


SRA ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE SILLEDA

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]