Moción en defensa do sistema galego público de servizos sociais

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Dende que o PP accedeu á Xunta de Galiza marcouse como un obxectivo político o de desmantelar as accións máis significativas desenvolvidas no goberno galego polo BNG.  Neste senso situaron o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar no centro da diana, xunto con outras iniciativas estruturais implementadas polo nacionalismo no goberno galego. Non responden, as intencións da Xunta, a un mal funcionamento do Consorcio ou a un descontento dos concellos e da cidadanía cos seus servizos, senón a un interese puramente partidista para borrar a pegada nacionalista na Xunta. Tamén responde a un interese do PP de converter os servizos de igualdade e benestar nun negocio, ao través da privatización da súa xestión.
A estratexia que utilizan para suprimir ou privatizar os servizos sociais públicos, o goberno do PP na Xunta acode a unha secuencia repetida en numerosas ocasións: primeiro degradar os servizos e fomentar o seu mal funcionamento, despois, descualificalos socialmente, intentando retirar o apoio social co que contan e, por último, desmantelalos, suprimilos ou privatizalos.
O BNG reivindica a consolidación dun sistema público galego de servizos sociais, tal e como recolle a Lei de Servizos Sociais de Galiza aprobada no ano 2008, que garante os recursos e equipamentos precisos para afrontar as necesidades sociais do conxunto da poboación galega –servizos aos que temos dereito, vivamos onde vivamos–, co obxectivo de favorecer a cohesión social do país, reforzando os vencellos sociais e combatendo os procesos de desestruturación territorial e social, abordando, tanto as situacións de falla de autonomía persoal, como as de pobreza e exclusión social ou nas que existan menores en conflito ou desamparo.
Defendemos a consolidación dos servizos sociais comunitarios (básicos e específicos) como servizos de competencia local que son, dirixidos ao conxunto da poboación dun territorio determinado, baseados no desenvolvemento de accións preventivas, de atención integral a persoas e familias e de incorporación social e laboral. Enmarcados no sistema público galego de servizos sociais, estruturado en rede e coordinado cos outros servizos para o benestar: de saúde, educación, emprego, vivenda, migracións, etc.

MOCIÓN

Polo exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Silleda a adopción do seguinte

ACORDO


1.    Instar á Xunta de Galiza a que poña en marcha o desenvolvemento pleno  da Lei de servizos sociais de Galiza, en vigor dende o 18 de marzo de 2009, na que se definen os servizos sociais como un sistema público, xunto coa educación, a sanidade e a seguridade social; na que se recoñece o dereito aos servizos sociais como un dereito das persoas, do conxunto da poboación; e que obriga a incluír nos orzamentos anuais da Xunta e das entidades locais as partidas necesarias para o seu financiamento.
2.    Instar á Xunta de Galiza que concrete o citado desenvolvemento nos seguintes aspectos:


1.- Implantación da Tarxeta Social Galega, de carácter persoal que acredita como titular do dereito ao acceso aos servizos sociais. Posta en marcha do Expediente social básico único para axilizar a xestión no ámbito dos servizos sociais comunitarios, e do Mapa galego de servizos sociais.
2.- Posta en marcha do Catálogo de servizos sociais integrado polo conxunto de intervencións, programas, servizos e prestacións.
3.- Revisión urxente da regulación da renda de integración social de Galiza, de xeito que garanta ás persoas en situación ou risco de exclusión social o dereito a un mínimo vital en función das características do núcleo de convivencia e o dereito a unha oportunidade real de inclusión socio-laboral. E elaboración da lei Galega de inclusión social.
4.- Consolidación da rede de oficinas comarcais de servizos específicos que incidan nas situacións de exclusión e desigualdade social.
5.- Consolidación da xestión pública dos centros de atención xerontolóxica que atenden a persoas en situación de dependencia ou en risco de padecela, en particular a rede de centros de día.
6. Constitución inmediata dos órganos de participación recollidos na lei, nomeadamente o Consello Galego de Benestar Social e a Mesa Galega de Servizos Sociais.
 


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]