Moción relativa ao mantemento das axudas aos centros de información ás mulleres
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O Consello da Xunta celebrado o pasado 15 de xullo procedeu a autorizar a concesión de anticipos, de até o 80%, nas subvencións do Servizo Galego de Igualdade para apoio aos centros de información ás mulleres. Ao día seguinte, a Secretaria Xeral de Igualdade convocaba aos diferentes concellos que contan con CIM a unha xuntanza para explicar as bases reguladoras e os cambios que se introducían na citada resolución.
Se resulta grave que a mediados de ano esta orde de axudas estea pendente de convocatoria, mais escandalosos son os cambios que se incorporan para poder acollerse á mesma. Os criterios estabelecidos impiden que a maior parte dos concellos podan recibir axudas, pois non cumpren cos novos requisitos. Coñecendo a situación financeira de moitas entidades locais a ninguén se lle escapa que o máis probábel é que moitos centros de información ás mulleres pechen ás súas portas.
Desde o BNG consideramos moi grave que a Xunta de Galiza configure unha resolución para axudas e subvencións aos CIM´s que non responde á realidade destes centros e que pode levar ao peche de moitos deles. Os CIM´s cumpren unha función importante no ámbito da información e do traballo a prol da igualdade de xénero. O Goberno Galego, lonxe de mellorar e ampliar servizos para as mulleres, servizos para a igualdade, se empeña a fondo na supresión dos mesmos.
Nestes 15 meses de Goberno do PP produciuse unha redución notábel de servizos e recursos para a igualdade. As mostras son elocuentes: peche dos puntos de información ás mulleres, despido ilícito das traballadoras das oficinas de I+B das equipas de igualdade, supresión do Servizo Galego de Igualdade... Estamos ante un goberno da Xunta de Galiza, que por primeira vez desde que hai autogoberno, reduce servizos para as mulleres.
MOCIÓN
O grupo municipal do BNG considera moi grave o intento de desmantelar os Centros de Información ás Mulleres, por iso solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza a que rectifique e garanta un financiamento igualitario e suficiente ao conxunto de CIM´s e que potencie o seu funcionamento en rede.
2. Instar á Xunta de Galiza a que proceda á retirada da resolución que foi entregada na xuntanza cos concellos do pasado 16 de xullo.
3. Instar a Xunta de Galiza a retomar o diálogo cos concellos e as traballadoras destes equipamentos.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre