Moción relativa a iniciativas en relación cos programas de cooperación da Xunta de Galiza
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Resolución do 22 de febreiro de 2010, da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, daba conta das axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2008 que estabelecía as bases que regulaban, para o exercicio do ano 2009, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procedía á súa convocatoria (tal como reflicte o Diario Oficial de Galiza nº 7, do 12 de xaneiro de 2009), baixo o título de programas de cooperación con entidades locais: subvencións para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.
Analizado o reparto constátase unha falta de proporcionalidade, observando unha discriminación das persoas desempregadas en función da cor de quen goberne o concello onde están inscritas e constatando que a distribución das axudas foron feitas dun xeito discrecional e partidista, prexudicando a veciños e veciñas que gozan de gobernos distintos ao partido que sustenta a Xunta da Galiza.
Esta circunstancia pon de manifesta a patrimonialización da administración poñéndoa ao servizo do partido que ostente o goberno, prexudicando gravemente a veciños e veciños de moitos concellos, sen respectar o comportamento básico dun exercicio democrático e un incumprimento das bases que recollía a Orde, ademais de vir a recuperar vellas prácticas botadas abaixo polo anterior goberno da Xunta de Galiza.
Ao mesmo tempo, constatamos como non se teñen en conta os criterios recollidos nunha Orde destinada ao fomento de emprego local polos concellos, á integración laboral da xuventude, á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e á mellora da empregabilidade das persoas desempregadas; deturpando eses obxectivos e malversando os recursos públicos en función do interese partidista, como se pode comprobar en concellos cunha alta taxa de desemprego que non recibe ningunha axuda cando outros reciben recursos desproporcionados.
Dada a situación de crise pola que estamos atravesando, a utilización de fondos públicos para combater o paro, debe adecuarse en función de parar esta sangría e aproveitar a oportunidade para mellorar as capacidades profesionais das persoas que, ao quedarse sen emprego, non teñen a oportunidade de poder traballar.
Polo tanto, compre racionalizar o uso destes recursos e sentar unhas bases mínimas para corrixir estas actuacións, realizando un reparto de fondos dos programas de cooperación de xeito equilibrado.
INICIATIVA NA FEGAMP
Propoñer que a FEGAMP interveña diante da Xunta de Galiza para estabelecer unhas bases que garantan un reparto xusto dos fondos dos programas de cooperación destinados aos concellos, defendendo as seguintes condicións:
1. Estabelecer un módulo mínimo por concello ao obxecto de poder dotar a todos e cada un deles da oportunidade de instrumentar políticas de emprego locais.
2. O reparto do resto dos fondos farase directamente proporcional ao número de persoas paradas rexistradas en decembro do ano anterior á operatividade do programa de cooperación e a media do desemprego nos últimos cinco anos e inversamente proporcional á evolución da poboación no mesmo período. O resultado terá unha ponderación do 80% do total.
3. Todas as obras ou servizos que se realicen non poden ser de carácter estrutural, deberán ser de interese xeral e social e de competencia das entidades locais amais de cumprir os seguintes requisitos:
3.1. Que sexan executadas polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que encomende a súa execución.
3.2. Que vaian dirixidas ás persoas desempregadas na súa totalidade. No caso de non poder acadalo, deberán chegar a unha porcentaxe mínima do 80%.
3.3. Que a súa execución ou prestación permita mellorar a formación e a práctica profesional das persoas desempregadas e teña en conta os itinerarios personalizados de inserción laboral de cada unha das persoas participantes.
3.4. Todos os proxectos terán a obriga de estar vinculados coa estrutura do paro no ámbito territorial, cos colectivos aos que van dirixidos, cos recursos e potencialidades da zona e as posibilidades de emprego das persoas participantes. Dentro destes criterios terase en conta, á hora da valoración, os proxectos solicitados polos concellos.
4. No propio contido da Orde fixaranse as prioridades no canto das actividades a desenvolver.
5. A Consellaría competente en materia de traballo estará obrigada a publicar os criterios técnicos de avaliación e selección, antes de proceder á concesión das axudas e subvencións.
MOCIÓN
Polo exposto solicitamos do Pleno da Corporación Municipal de Silleda a adopción do seguinte
ACORDO
Instar á Xunta de Galiza a que, de acordo coa FEGAMP, se estabelezan unhas bases que garantan un reparto xusto dos fondos dos programas de cooperación destinados aos concellos, recollendo os seguintes criterios:
• Estabelecer un módulo mínimo por concello ao obxecto de poder dotar a todos e cada un deles da oportunidade de instrumentar políticas de emprego locais.
• O reparto do resto dos fondos terá en conta o número de persoas paradas rexistradas a finais do ano anterior, a media do desemprego nos últimos cinco anos e á perda de poboación.
• Todas as obras ou servizos que se realicen deberán ser de interese xeral e social e competencia propia do concello e executadas por el mesmo, dirixidas ás persoas desempregadas na súa totalidade, que permita mellorar a formación e a práctica profesional destas persoas.
• Que antes de proceder á concesión das axudas e subvencións, se publiquen os criterios técnicos de avaliación e selección de proxectos.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre