Moción contra a supresión do servizo galego de Igualdade e pola retirada do anteproxecto de lei para a súa extinción

MOCIÓN CONTRA A SUPRESIÓN DO SERVIZO GALEGO DE IGUALDADE E POLA RETIRADA DO ANTEPROXECTO DE LEI PARA A SÚA EXTINCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En 1990 debátese no Parlamento galego o proxecto de lei de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (SGPIHM), logo de ter rexeitado a maioría conservadora a presentación dunha Iniciativa Lexislativa Popular de creación dun Instituto Galego da Muller promovida polo movemento feminista galego. Cubre a dereita con esta iniciativa algún aspecto da demanda feminista: créase un organismo autónomo con orzamento e persoal propio e independente das estruturas gobernativas e cun consello de dirección con presenza de todos os departamentos da Xunta de Galiza, como instrumento de transversalidade. Pero néganse a denominalo Instituto e a que dependa da Presidencia da
Xunta. Finalmente a lei de creación apróbase en 1991 e no ano 1993 o SGPIHM recolle os recursos, persoal e competencias do Instituto da Muller en Galiza.

Na pasada lexislatura o SGPIHM, coñecido xa como Servizo Galego de Igualdade (SGI) pasa a depender da Vicepresidencia da Xunta de Galiza, a través da Secretaría Xeral de Igualdade. Tamén na pasada lexislatura se produce un avance lexislativo a prol da igualdade entre
mulleres e homes. En 2007 apróbanse a lei do traballo en igualdade das mulleres galegas que estabelece por lei a paridade na composición dos gobernos galegos e a lei de prevención e tratamento integral da violencia de xénero que estabelece recursos complementarios e amplía os dereitos da normativa estatal para atender ao fenómeno da violencia de xénero. Ademais
moita normativa sobre información estatística, corresponsabilidade, coeducación, saúde das mulleres, cotitularidade agraria...

A principios de 2009 o PP volve ao goberno da Xunta e paralízase de novo a actividade normativa. Dende a súa chegada, o goberno de Núñez Feijóo está ademais a incumprir a normativa vixente. Incumpre a necesaria composición paritaria do goberno, polo que está nos tribunais, incumpre as obrigas de información sobre violencia de xénero ou situación das mulleres ou eliminado a variábel sexo da información sanitaria, obrigas que estabelece a lei de
plan estatístico galego en vigor até 2013.
En marzo de 2010 aparece na páxina web do SGI o borrador dun anteproxecto de lei deextinción do SGI, e na exposición de motivos do anteproxecto e tamén na súa xustificación no pleno do Parlamento galego alúdese ao aforro, á concentración e simplificación da estrutura
de igualdade, que en cambio non simplifican en turismo nin sanidade nin deportes, nin medio rural... todas elas e máis con organismos autónomos creados por lei.

Durante estes últimos trinta anos, a normativa que enmarca as políticas de igualdade foi sempre avanzando na mesma dirección, con distintas velocidades, poucas veces cumprindo as demandas das mulleres, pero avanzando.
O Servizo Galego de Igualdade, na súa consideración de organismo autónomo creado por lei e por tanto independente dos decretos de estrutura dos distintos gobernos, proporciona estabilidade e garantías ás relacións entre o Goberno galego e os concellos, nunha materia compartida e tan sensíbel como as políticas de igualdade entre mulleres e homes e de
prevención e tratamento da violencia de xénero. É por tanto unha ferramenta necesaria para o avance da igualdade.

MOCIÓN

Por iso, o grupo do BNG propón ao Pleno da Corporación municipal adoptar o seguinte

ACORDO

1. Instar ao Goberno galego a retirar o anteproxecto de lei de extinción do Servizo Galego de Igualdade.
2. Instar ao Goberno galego a traballar en colaboración cos concellos para fortalecer os instrumentos administrativos de procura da igualdade entre mulleres e homes e de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.

Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]