Moción contra os recortes sociais aprobados polo goberno do Estado
MOCIÓN CONTRA OS RECORTES SOCIAIS APROBADOS POLO GOBERNO DO ESTADO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
As medidas que en materia de política económica fixo públicas o goberno do Estado e que se aprobaron en Consello de Ministros o 20 de maio, coas que se pretende reducir o déficit público, concrétanse, entre outros aspectos, na conxelación das pensións contributivas para 2011, na redución do salario dos funcionarios e funcionarias nun 5%, na negativa a que se cobre retroactivamente as axudas estabelecidas na Lei da Dependencia e na supresión do cheque-bebe. Son medidas que significan claros recortes sociais e diminúen o poder adquisitivo da maioría da poboación, e polo tanto reducen o seu poder de compra, o que vai dificultar un aumento do consumo e da demanda interna que son fundamentais para saír da crise.
A redución salarial aos funcionarios e funcionarias é unha medida demagóxica, na liña de que non todos os traballadores e traballadoras da función pública teñen o mesmo salario, non pasando moitos deles dos 700 euros e non superando o 53% deles os 1000 euros mensuais, pero tamén agocha unha intencionalidade nefasta para o conxunto da sociedade pois significa avanzar na privatización dos servizos públicos. Mesmamente pártese dunha premisa falsa de que o sector público está sobredimensionado, cando o número de traballadores e traballadoras públicos no Estado é inferior á media da Unión Europea, e que vai dificultar a reactivación económica posto que significa perda do poder adquisitivo e iso vai afectar ao comercio, a hostalería e ao conxunto da actividade económica.
A decisión de conxelar en 2011 as pensións contributivas resulta particularmente gravosa en Galiza, xa que contamos cunha poboación envellecida, e as pensións galegas xa se sitúan a cola do Estado. Nesta liña hai que lembrar que son precisamente as persoas pensionistas as que se sitúan na cabeza dos índices de pobreza en Galiza, na medida que boa parte dos nosos xubilados e xubiladas cotizaron no réxime especial agrario polo que as súas pensión son baixas.
A supresión das políticas de apoio a natalidade, con independencia de que na súa formulación actual non se atendese a criterios de progresividade e de renda, son necesarias, se atendemos aos problemas demográficos e á necesidade de impulsar a renovación xeracional. Neste sentido consideramos que son precisamente nos momentos de crise económica, cando é máis necesaria a posta en marcha de políticas activas nesta materia polo que consideramos absolutamente inoportuno a supresión do “cheque-bebe”, se ben defendemos a súa reformulación a fin de que só algúns tramos de rendas se beneficien do mesmo.
Tamén son especialmente negativas o resto de medidas, nomeadamente a supresión da reotractividade no pago das axudas á dependencia, o que significa a alteración mesmo da normativa pola que se implementa esta lei.
O BNG considera que este paquete de medidas económicas, responden a lóxica da dereita, de pretender transferirlle o custo da crise económica as clases traballadoras e aos sectores sociais máis desfavorecidos economicamente, precisamente a aquelas persoas que non tiveron ningunha responsabilidade na crise que se está a vivir e que tampouco se beneficiaron do crecemento especulativo que provocou esta situación. Hai outras saídas a crise económica, pero as propostas do Goberno entroncan directamente coas políticas do mesmo paradigma neoliberal que provocou a crise.
Hai outras políticas que permiten conter o déficit sen reducir prestacións e servizos sociais. Debe impulsarse a austeridade do gasto público vinculado a un adelgazamento da estrutura administrativa no Estado. Son necesarias medidas como a supresión de Ministerios con competencias cedidas ás Comunidades Autónomas e a supresión das Deputacións Provinciais. Ademais, no gasto militar existe moito marxe para a súa redución, nomeadamente no relativo á presenza de tropas españolas en ocupacións militares noutros países. Pero tamén se pode conter e reducir o déficit mediante un incremento dos ingresos, impulsando unha reforma fiscal que incremente a xustiza, e polo tanto o carácter progresivo do sistema, gravando máis a quen máis ten.
As medidas contidas no Decreto van agravar a situación económica. A perda do poder adquisitivo significa automaticamente unha baixa no consumo o que atrasará a recuperación económica, tal e como recoñeceu o presidente do Goberno. A prioridade do Goberno do Estado ten que ser o impulso ao crecemento económico e ás medidas de loita contra o desemprego, e non someterse ao ditado dos mercados.
Esas mesmas prioridades son as que deben guiar a acción da Xunta de Galiza. A total ausencia dunha Xunta que non está nin se lle espera só se ve rachada polas políticas de destrución e privatización de servizos públicos e recortes sociais. A consecuencia destas políticas vímolas no primeiro trimestre de 2010, onde Galiza é a comunidade que máis incrementa a súa taxa de paro.
Polo tanto, tamén temos que exixir do Goberno galego un xiro de 180 grados, de xeito que garanta os servizos e as prestacións públicas, e impulse medidas activas para dinamizar a economía e os sectores produtivos, así como para reverter a gravísima tendencia que está a amosar o paro no noso país.
MOCIÓN
Por iso, o grupo municipal do BNG propón ao Pleno da Corporación municipal adoptar o seguinte
ACORDO:
1. Instar ao Goberno do Estado a retirar de xeito inmediato o Decreto aprobado o 20 de maio polo Consello de Ministros, que contén os recortes nas pensións públicas, nos dereitos dos dependentes, a baixada dos salarios dos funcionarios, entre outras.
2. Instar ao Goberno do Estado a que leve a cabo as seguintes medidas:
a) Impulsar medidas que fomenten a austeridade do gasto público vinculado á racionalización administrativa no Estado: supresión de Ministerios con competencias cedidas ás CCAA, redución do papel da Administración periférica do Estado e supresión das Deputacións Provinciais.
b) Acometer unha estratexia de redución do gasto militar, especialmente en gasto corrente e nos derivados da presenza en misións no estranxeiro.
c) Levar a cabo unha reforma fiscal que acentúe o carácter progresivo do sistema, recollendo as seguintes medidas: introdución dun novo tramo no IRPF para as rendas máis altas, dotar de maior progresividade á tributación das rendas do aforro, restaurar o imposto sobre o Patrimonio e modificar o estatus xurídico das sociedades de investimento colectivo (SICAV). Así mesmo, impulsar un ambicioso plan de loita contra a fraude e a evasión fiscal.
d) Impulsar, no marco da Presidencia Europea da UE, unha maior regulación dos mercados financeiros e a introdución dun imposto que grave os movementos especulativos de capital.
e) Garantir e reforzar os servizos públicos, as pensións e o resto de prestacións públicas.
f) Levar a cabo políticas activas na loita contra o paro.
3. Instar á Xunta de Galiza a:
a) Abandonar a súa política de destrución e privatización dos servizos públicos.
b) Adoptar medidas efectivas na loita contra a crise e o desemprego
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda