Moción con motivo do 8 de marzo -Día Internacional das Mulleres-
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, lonxe do carácter testemuñal, cerimonial ou anestesiante que algúns pretenden, ten un sentido reivindicativo e visualizador da situación de discriminación que padecen as mulleres en xeral, e as galegas en particular.
Coincide este ano 2010 con dúas efemérides importantes que non deben pasar desapercibidas. A primeira delas é o Centenario da Instauración do 8 de Marzo como Día Internacional da Muller Traballadora. A segunda, o 125 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, relevante no noso contexto nacional por recuperar a tradición escrita da nosa lingua, mais tamén por ser precursora do pensamento feminista na Galiza. A súa obra contén unha preocupación pola condición das mulleres e o seu papel na historia e na sociedade. Mais tamén unha denuncia do papel subordinado e discriminado das mulleres naquela altura.
A análise sobre a situación das mulleres na Galiza -ao igual que no resto do mundo- evidencia que a reivindicación de igualdade real segue tendo plena vixencia. Todos os indicadores evidencian a persistencia da discriminación de xénero.
A nivel laboral, as mulleres padecen taxas de paro moi elevadas, unha maior temporalidade e precariedade e cobran salarios inferiores. Unhas condicións que empeoran como consecuencia da crise económica. Tanto polo que supón a destrución de emprego, como polos recortes a nivel de dereitos laborais, que repercutirán negativamente nunhas condicións laborais xa precarias.
As discriminacións de xénero non se evidencian só no terreo laboral, o desigual reparto das tarefas derivadas do coidado e as reprodutivas é outro indicador relevante. Así todos os estudos revelan que son maioritariamente as mulleres que asumen estas tarefas, con consecuencias negativas no seu desenvolvemento persoal e laboral. Son maioritariamente mulleres quen abandonan os seus postos de traballo ante a necesidade de atender a menores ou persoas dependentes, quen utilizan os -escasos-recursos de conciliación da vida laboral e persoal, quen son penalizadas no acceso ao emprego remunerado nos períodos “potencialmente” reprodutivos... Unha situación inxusta que precisa de accións correctoras.
A chegada do PP á Xunta de Galiza após o 1 de marzo de 2009 está a supor un retroceso no desenvolvemento de políticas públicas que supoñan un avance real na superación das discriminacións de xénero. Os exemplos que podemos utilizar son múltiples:
- A primeira decisión que adopta o Presidente da Xunta de Galiza foi nomear un goberno que non é paritario, incumprindo a legalidade vixente que obriga a que o Consello da Xunta sexa paritaria.
- A segunda decisión, é apoiar unha Iniciativa Lexislativa Popular promovida por asociacións antiabortistas, que pretende crear unha rede, en mans destas asociacións, destinada a impedir que as mulleres decidan libremente sobre a súa maternidade.
- En paralelo, paralizan a actuación dos centros Quérote e desmantelan servizos de información ás mulleres como as equipas de igualdade das oficinas de I+B (que realizan traballo no ámbito rural) ou suprimen os Puntos de Información ás Mulleres.
- Desmantelan a rede de servizos sociais, canalizada a través do Consorcio, que sentaba as bases para a creación dunha rede de servizos públicos (de atención á infancia, dependentes e persoas maiores). Servizos que son básicos para “liberar” ás mulleres das tarefas do coidado, facilitando a súa participación e desenvolvemento a nivel laboral, persoal ou cultural. Aí están as galescolas ou centros de día construídos e sen abrir, a cancelación da posta en marcha dun servizo de “kanguros” ou a vocación de privatización destes recursos.
- A promesa electoral de que se garantiría o principio de “a igual traballo, igual salario” ficou niso, nunha promesa, sen que se teña adoptado nin unha soa medida neste terreo. Mais no ámbito laboral, e apoio á incorporación das mulleres ao mundo laboral, eliminaron as axudas á cotitularidade, as axudas ás redeiras....
- Denunciamos o pasado 25 de novembro, a relaxación do goberno no desenvolvemento da Lei Galega contra a Violencia de Xénero. Cancelan a celebración de premios como o “Eu tamén navegar” (medida de sensibilización social), poñen atrancos no desenvolvemento do Programa Rodela, paralizan a plataforma de teleformación en violencia de xénero, ou segue pendente a posta en marcha de órganos como o Observatorio Galego de Violencia de Xénero ou o Consello Galego das Mulleres.
Ante esta parálise urxe reclamar un cambio de rumbo e unha aposta real por superar as barreiras que perpetúan a discriminación das mulleres.
MOCIÓN
Por iso, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Realizar actos de conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, que impliquen a sensibilización social sobre a discriminación das mulleres, comprometendo ao conxunto de veciños e veciñas, asociacións e entidades deste concello.
2. Realizar ao longo deste ano actos que promovan a difusión masiva da obra e vida de Rosalía de Castro, resaltando, tanto o seu papel na dignificación e recuperación da lingua galega, como no contido feminista da súa obra.
3. Reclamar á Xunta de Galiza a posta en marcha das seguintes actuacións:
- Elaboración dun Plan de Emprego para as Mulleres, que incida na incorporación das mulleres ao emprego remunerado, que recolla medidas concretas para garantir o principio de a igual traballo igual salario, que incorpore liñas específicas para atallar a discriminación das mulleres nos ámbitos produtivos (labregas, mariscadoras, redeiras...) nos que hai un importante presenza feminina.
- Paralización do proceso de desmantelamento dos servizos sociais públicos, demandando a provisión con carácter público de novas prazas de escolas infantís, centros de día, prazas en residencias e a posta en marcha dun servizo público de Kangur@s.
- Readmisión das traballadoras despedidas do Consorcio e aposta por estender as equipas de igualdade nas oficinas de I+B.
- Desenvolvemento das actuacións previstas na Lei Galega para a Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda
SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE SILLEDA