Moción sobre persistencia do GRUMIR para o Concello de Silleda
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A existencia do Grupo Municipal de Intervención Rápida, antes coñecido popularmente nas súas funcións por Protección Civil, leva funcionando no Concello de Silleda desde hai anos. A súa xestión e dirección desde o inicio ten sido moi desigual e en ocasións incorrecta, sobre todo por non ter unha priorización sobre este corpo que o conducise a unha especialización ou profesionalización canto ao traballo, mais é certo que nos últimos tempos esta circunstancia variou, tanto na asunción de responsabilidades do colectivo como nos diversos traballos aos que se enfrontan diariamente.
Silleda é un concello cunha dispersión importante, con parroquias e 250 núcleos de poboación, un concello avellentado en grande medida e cunha eiva importante na cobertura de seguridade e prevención, que fai moi necesaria permanencia dun grupo estábel das características do denominado GRUMIR, pois é este colectivo o que en reiteradas ocasións acaba realizando ocupacións varias non previstas para outro tipo de traballadores municipais, a propia policía local ou os bombeiros do parque intercomarcal.
Demostra isto, portanto, que a persistencia do GRUMIR en Silleda é imprescindíbel para realizar servizos tan básicos como precisos (como pode ser a atención nunha festa, nun enterro, nun colexio, as recollidas de materiais ou adecentamento e coidados nas nosas vilas e parroquias, ou atención primeira nun accidente ou suceso). Un GRUMIR proveniente dos convenios coa Xunta de Galiza, que dea pé a colaborar neste sentido cun concello incapaz de asumilo con fondos propios.
Por outra banda, as solucións que semellan preverse de a Consellaría da Presidencia par aqueles concellos coma o de Silleda que posúen parque de bombeiros, de facer as veces de corpo substitutorio do GRUIMIR, non poden ser axeitadas. Primeiramente porque este parque ten un carácter intercomarcal (Deza, Tabeirós-Montes) e non municipal. Segundo porque non realizan exactamente as mesmas funcións, sendo complementarios, e terceiro, e fundamental, porque mentres o GRUMIR é un servizo público e gratuíto integramente financiado pola administración, no caso dos bombeiros é sabido que moitas das saídas teñen unha tarifa que polo tanto supón un gasto, que en moitos dos casos non tería sentido cobrar.
MOCIÓN
Por todo iso, sométese á consideración do Pleno a aprobación do seguinte
ACORDO
1. Demandar da Xunta de Galiza a través da súa Consellaría da Presidencia a asegurar a estabilidade dun Grupo Municipal de Intervención Rápida similar ao actual no Concello de Silleda.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda
SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE SILLEDA