Moción para a gratuidade dos servizos de desinfección de vehículos de transporte de gando

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS


A Consellaría do Medio Rural ven de facer pública a súa intención de que, a partir do día 1 de febreiro, a desinfección de vehículos de gando –requisito obrigado pola normativa de transporte de animais vivos- deixará de ser gratuíta para o usuario e se verá gravada cunha taxa que oscilará entre os 6 e os 25 euros.
Este servizo vénse prestando desde a construción dos centros de desinfección integrados na rede pública, a través dunha concesión de explotación a Tragsega. O servizo sempre foi gratuíto, e desde a responsabilidade de goberno da Consellaría do Medio Rural na anterior Xunta de Galiza, o BNG mantivo esa gratuidade como mostra da política de apoio ao sector gandeiro, tan importante para o medio rural galego.
Con esta decisión o PP deixa ben claro o nulo interese en apoiar o sector agrogandeiro e defender a capacidade produtiva do rural do noso país. E non só vai afectar a tratantes e transportistas, que xa se ven afectados co pagamento de taxas recentemente estabelecidas para a entrada do gando no recinto feiral de Silleda utilizado produtores de todaa comarca . Isto rematará prexudicando aos gandeiros que terán que afrontar novamente de forma directa outro custo do servizo para maior desgraza na situación de crise que atravesamos e outras eivas que afectan ao sector agrogandeiro, repercutindo finalmente nos custos que consumidores e consumidoras pagarán polo produto final.

MOCIÓN
Por iso, solicitamos do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

1.- Esixir da Consellaría do Medio Rural o mantemento do servizo público e gratuíto de desinfección dos vehículos que acudan con gando aos recintos feirais, tal e como se vén facendo até agora.
2.- Demandar  da Alcaldesa de Silleda como representante do seu Concello e dos Alcaldes de Lalín e de Cerdedo como representantes da Deputación de Pontevedra no Padroado da Fundación Semana Verde de Galiza, defendan a gratuidade deste servizo no seo da propia fundación.
3.- Trasladar esta petición ao Presidente da Xunta de Galiza e ao Conselleiro do Medio Rural.


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]