Moción sobre a volta ao consenso lingüístico
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Resulta evidente que o proceso de normalización de usos do galego foi lento e, até hoxe, insuficiente para garantir o dereito a vivir na nosa lingua. O respecto á legalidade vixente (Estatuto de Autonomía e Lei de Normalización Lingüística) e a implementación de cambios legais na dirección da igualdade e da convivencia semellan non ir na direccion daqueles que aínda poñen proa ao dereito fundamental para que o galego goce no seu territorio do mesmo status legal que o castelán no seu.
Asistimos nos últimos tempos a unha situación esperpéntica, por canto existen sectores –políticos e mediáticos– que pretenden trasladar á opinión pública a idea de que o idioma castelán corre perigo en Galiza por mor da suposta discriminación a que se ven sometidas as persoas que falan nesta lingua.
Mentres tanto, a realidade é claramente á inversa: non só non gozamos dunha realidade que permita a existencia e normalidade dos usos do noso idioma no día a día, senón que ademais resulta evidente un proceso de confusionismo que pretende rebaixar aínda máis o status xurídico do galego, partindo dunha situación de clara desigualdade e desventaxa do galego fronte ao castelán, e que os únicos deberes para as administracións públicas queden referenciados ao uso do castelán. Na práctica, estamos na negación da igualdade e convivencia entre as dúas linguas.
De feito, un contundente informe do Consello de Europa elaborado a finais do pasado ano, advertía que no noso País non se están a dar garantías para o uso normal do galego en sectores tan importantes como a educación, a xustiza, os servizos públicos ou os medios de comunicación; incumpríndose de feito os tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos. Na mesma liña, un recente informe da Real Academia Galega sinala que en doce anos reduciuse á metade a cantidade de persoas que falan habitualmente en galego. Tamén o Consello Escolar de Galiza, nun informe sobre o galego no ensino, confirma unha clara desgaleguización do alumnado no seu tránsito da familia á escola, como consecuencia da desvantaxe do galego fronte ao castelán no ámbito do sistema educativo.
Acreditamos que compete ao pobo galego, a través das súas institucións representativas, definir a política lingüística acorde co criterio de cooficialidade e de lingua propia que mesmo o actual Estatuto recoñece para o noso idioma; exixindo das institucións de autogoberno a defensa da igualdade plena de dereitos para o galego e a aplicación de medidas a favor da normalización dos seus usos.
MOCIÓN
Por isto, solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte
ACORDO
1. Instar ao Goberno Galego a que cumpra as obrigas estabelecidas no Estatuto de Autonomía de Galiza, que no seu artigo 5º di: “A lingua propia de Galiza é o galego. Os poderes públicos de Galiza (…) potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”.
2. Como proba da vontade de volver ao consenso sobre a lingua galega instar ao Goberno Galego:
2.1. A que non proceda á aprobación do chamado “Decreto do plurilingüismo”, que supón a derrogación do Decreto 124/2007, que desenvolve unha medida contemplada no Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galiza no ano 2004.
2.2. A que rehabilite os termos da Lei 4/1988 da Función Pública de Galiza no referente a demostrar o coñecemento da lingua galega nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración Autonómica.
3. Instar ao Goberno Galego a que promova a reforma do marco legal que posibilite a plena igualdade en dereitos e deberes do galego e o castelán, como fórmula para facer real a cooficialidade das dúas línguas.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda
SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE SILLEDA