Moción Regulamento de participación cidadá

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Unha das vías de solución para proporcionar unha canle axeitada de expresión á cidadanía silledense, sabedores de que o sistema de democracia representativa debe, non só permitir a liberdade de expresión cidadá, senón tamén  potenciar fórmulas de democracia directa e promover a participación da cidadanía na vida social, cultural, económica, e  por suposto política, é unha canle denominada Regulamento de Participación Cidadá, ao que mesmo se fai referencia no ROM, sen ser aínda aprobado neste Concello.

Desde O BNG presentamos unha proposta de Regulamento de Participación  Cidadá articulada, que non só vai permitir e promover a participación veciñal no Concello de Silleda, senón que incluímos na mesma a creación inicial de dous Consellos de participación: o Consello de Relacións Veciñais e o Consello Económico e Social. Considerando que a consecución deste Regulamento pode facilitar a conexión entre a cidadanía e a vida política municipal e crendo que é un momento axeitado para traballar e estimar esta liña.

MOCIÓN


Por isto solicitamos do Pleno da Corporación a adopción do seguinte

ACORDO


1.    O debate no seo dos integrantes da Corporación Municipal e aprobación no próximo Pleno Ordinario dunha proposta consensuada de Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Silleda, polo que se xunta un modelo integrando un preámbulo, oito títulos, corenta artigos,  tres disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha derrogatoria e unha final, que sirva como base para traballar sobre esta iniciativa.


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda

SRA. ALCALDESA-PRESIDENTA DO CONCELLO DE SILLEDA






PROPOSTA DE REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ
DO CONCELLO DE SILLEDA


PREÁMBULO


O dereito da persoa a intervir no proceso de toma de decisións no ámbito local, a participación cidadá, constitúe parte inseparábel da sociedade democrática.

A Declaración Universal de Dereitos Humanos, o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos, así como diversas recomendacións do Consello  de Europa, configuran, entre outros textos, o marco xurídico internacional no que descansa a participación. Así mesmo, no marco estatal a  Constitución española de 1978 dá carta de natureza á participación cidadá.

O vixente Estatuto de Autonomía de Galiza de 1981 asígnalle aos Poderes Públicos galegos a responsabilidade de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra, sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de tódolos galegos e galegas na vida política, económica, cultural e social.

Existe unha clara tendencia continental a reforzar as posibilidades de participación e de incidencia da cidadanía nos gobernos locais, para evitar ou corrixir, no contexto dun mundo globalizado, o afastamento dos e das cidadás da vida pública. Nesta materia, hai que destacar a procedencia de incrementar a participación e a implicación cidadán na vida pública local.  A Lei 57/2003 de 16 de decembro, de medidas de modernización do Goberno Local coas modificacións que introduce na Lei 7/1985 de 2 de abril reguladora das Bases de Réxime Local, coa nova redacción dos artigos 18  e 24, e a introdución do 70 bis,  ven a incidir nesta materia, sumándose a outras disposicións legais vixentes (Lei 5/1997, de Administración Local de Galiza), establecendo uns estándares mínimos que constitúen uns mecanismos necesarios para potenciar a participación cidadá, estabelecendo a necesidade de regulamentos orgánicos da participación cidadá en todos os concellos,  que regulen e determinen os mecanismos para facela efectiva; polo que cómpre desenvolver unha normativa municipal que a regule co recoñecemento expreso dos dereitos da cidadanía e das entidades nas que esta se organiza, sendo estas, nomeadamente, as asociacións veciñais, as entidades deportivas, culturais, xuvenís, sindicais, profesionais, empresariais, de sector, etc., que representan o elemento coordinador e vertebrador da comunidade.

A participación veciñal e, en xeral, de toda a base da sociedade, é necesaria para a resolución correcta de múltiples problemas municipais e, asemade, favorece a participación activa de todas as persoas na vida do seu barrio, parroquia, lugar de traballo, entidade cultural, deportiva ou de lecer, etc. Para que este  mecanismo –peza básica do sistema democrático- funcione, é preciso que a vida municipal, a través da instancia política, fomente a participación e a descentralización, xunto coa eficacia, a información e a transparencia na xestión, facendo así do Concello un ente aberto e democrático no que a cidadanía sinta o deber cívico de cooperar coa institución municipal na mellora das súas condicións de vida e no progreso socioeconómico do seu territorio.

O Concello de Silleda consciente da importancia da participación, partidario da evolución da democracia representativa á democracia participativa, sabedor de que é no nivel local onde o dereito á participación pode ser mellor exercitado, elaborou o presente texto, no que se conteñen as regras desa participación.





TÍTULO PRELIMINAR



DISPOSICIÓNS XERAIS



Artigo 1.
Son obxecto deste Regulamento, a regulación das formas, medios e procedementos de información e participación da  veciñanza e entidades cidadás na xestión municipal, de acordo co establecido nos artigos: 1, 4.1.a), 18, 24, e do 69 ao 72 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local  modificada pola Lei 57/2003 de 16 de decembro e, 251 a 257 da Lei de administración local de Galiza.

Artigo 2.
O Concello, a través deste regulamento, pretende acadar os obxectivos que se enumeran a continuación, e que terán o carácter de principios básicos:

?    Facilitar a máis ampla información sobre as súas actividades, obras e servizos.
?    Facilitar e promover a participación dos veciños e veciñas e entidades na xestión municipal con respecto ás facultades de decisión que corresponden aos órganos municipais representativos.
?    Facer efectivos os dereitos dos veciños e veciñas recollidos no artigo 18 da Lei reguladora das bases do réxime local.
?    Fomentar a vida asociativa no ámbito territorial do noso concello.
?    Achegar a xestión municipal aos veciños e veciñas.
?    Garantir a solidariedade e o equilibrio entre os distintos núcleos de poboación do termo municipal.
?    Informar acerca dos grandes temas municipais como orzamento anual, os plans urbanísticos, a creación e modificación de ordenanzas fiscais, os plans sectoriais, os programas culturais, sociais ou de saúde, ou outros que polo seu contido considere conveniente o Concello, ou que foran solicitados por ao menos un 10% das asociacións incluídas no Rexistro Municipal de Asociacións.

TÍTULO PRIMEIRO

DA INFORMACIÓN MUNICIPAL.

Artigo 3.

O Concello informará a veciñanza da súa xestión a través dos medios de comunicación social, da páxina web municipal e mediante a edición de publicacións, folletos e bandos; a colocación de carteis, valados publicitarios, taboleiros de anuncios, paneis informativos ou cantos outros medios se consideren necesarios. Ao mesmo tempo poderá recoller a opinión da veciñanza e entidades a través de campañas de información, debates, asembleas, reunións, consultas, enquisas e sondaxes de opinión.

Artigo 4.

Nas dependencias da Casa do Concello funcionará unha oficina de información, así como un rexistro de instancias, iniciativas, queixas e reclamacións, coas seguintes funcións:

a) Canalizar toda a actividade relacionada coa información a que se refire o artigo 3, así como o resto da información que o Concello proporcione.

b) Informar ao público sobre os fins, competencias e funcionamento dos distintos órganos e servizos dependentes do Concello; así como dos órganos e servizos da Administración Autonómica e Central e da Deputación Provincial.

c) Informar sobre os trámites administrativos polos que discorre cada expediente, e realizar o oportuno seguimento deles.





Artigo 5.

Todos os cidadáns e cidadás teñen dereito a:

a) Coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos nos que teñan a condición de interesadas/os e obter copias dos documentos contidos neles.

b) Identificar ás autoridades e ao persoal ao servizo da corporación local que teñan baixo a súa responsabilidade a tramitación dos procedementos.

c) Obter copia selada dos documentos que presenten, proporcionándoa xunto cos orixinais, así como a que estes sexan devoltos agás cando teñan que constar no procedemento.

d) Utilizar o idioma galego nas súas relacións coa Corporación de Silleda.

e) Formular alegacións e proporcionar documentos en calquera fase do procedemento no que teñan a condición de interesadas/os, anterior ao trámite de audiencia. Estas alegacións ou documentos deberán ser tidos en conta polo órgano competente ao redactar a proposta de resolución.

f) Obter información e orientación no tocante aos requisitos xurídicos ou técnicos que as disposicións vixentes lles impoñan aos proxectos, actuacións ou solicitudes que se propoñan realizar.

g) Acceder aos rexistros e arquivos da Corporación Local nos termos previstos na lexislación vixente.

h) Ser tratadas/os con respecto e deferencia polas autoridades e  persoal municipal, que lles facilitarán o exercicio dos seus dereitos e o cumprimento das súas obrigas.

i)    Obter copias e certificacións acreditativas dos acordos da Corporación Local e os seus antecedentes, cos únicos límites establecidos na Lei 30/1992 do procedemento administrativo e na Lei Orgánica 15/1999 de protección de datos de carácter persoal.

k) Esixir responsabilidades da Corporación Local.

l)    Exercer a Iniciativa popular presentando propostas de acordo,  actuacións ou proxectos no ámbito das competencias municipais, debendo estar subscritas ao menos polo 10% dos habitantes do Concello de Silleda

ll) Exercer calquera outro que lles recoñezan a Constitución, o Estatuto de Autonomía e as leis.

Artigo 6.


a) As solicitudes que dirixan as veciñas e veciños a calquera órgano do Concello en pedimento de aclaracións ou actuacións municipais serán cursadas necesariamente por escrito, agás as determinadas no artigo 10.2, e serán respondidas nos termos previstos na lexislación sobre procedemento administrativo.

b) Cando a solicitude formule unha proposta de actuación municipal, o seu destinatario/a informará ao/á solicitante do trámite que se lle teña que dar. Se a proposta chega a tratarse nalgún órgano colexiado municipal, quen actúe de secretario/a deste enviará, ao/á propoñente, no prazo máximo de 30 días, copia da parte correspondente da acta da sesión. A/O presidenta/e do órgano colexiado





poderá requirir a presenza do/a autor/a da proposta na sesión que corresponda, co fin de que a explique e defenda por si mesmo/a.

Artigo 7.

1.- As sesións do Pleno son públicas, agás nos casos previstos no artigo 70.1 da Lei reguladora das bases de réxime local e 253 da Lei de Administración Local de Galiza. Facilitarase a asistencia ou información simultánea de todo o público interesado en coñecer o desenvolvemento das sesións, a través dos medios máis axeitados ao caso.

2.- Igualmente, as/os representantes dos medios de comunicación social, terán acceso preferente e recibirán as máximas facilidades para cumprir o seu traballo.

Artigo 8.

Non son públicas as sesións da Xunta de Goberno nin das comisións informativas. No entanto, ás sesións destas últimas poderá convocarse, -co único efecto de escoitar o seu parecer ou recibir o seu informe nun tema concreto-, a persoas ou representantes das asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza.

Artigo 9
.
Poderán ser públicas as sesións dos demais órganos complementarios e entidades municipais, nos termos previstos na lexislación e nas regulamentacións ou acordos plenarios polos que se rexan.

Artigo 10.
1.- Cando algún veciño ou veciña (maior de idade) en nome propio ou en representación das asociacións ou entidades inscritas no Rexistro municipal consonte ao establecido neste regulamento, desexe efectuar unha exposición perante o Pleno en relación con algún punto da orde do día, no que interveña como interesada/o ou por delegación na tramitación administrativa, e a través dun/ha único/a representante, poderá expoñer o seu parecer durante o tempo que sinale o/a Alcalde/sa e con anterioridade á lectura, debate e votación da proposta incluída na orde do día.
Para os efectos anteriores, a solicitude dirixida ao/á Alcalde/sa deberá presentarse no Rexistro municipal cando menos con vintecatro horas de antelación á celebración do Pleno se este é ordinario e, no mesmo día da sesión se é extraordinario, debendo constar nela unha sucinta motivación do pedimento así como os datos da persoa que realizará a exposición.
A exposición realizarase nunha única intervención, quedando garantido un tempo mínimo que non superará os 10 minutos, para realizar a devandita exposición. En cada Pleno haberá un máximo de cinco intervencións.

Excepcionalmente no Pleno sobre o estado do concello, que terá lugar no mes de decembro de cada ano, os veciños e veciñas poderán facer uso da palabra coa única premisa de mostrar a intención de realización das preguntas ou suxestións, Neste caso o Alcalde/sa poderá abrir unha quenda maior entre a cidadanía presente, favorecendo a participación expositiva.

2.- Ao finalizar a punto de Rogos e Preguntas o/a Alcalde/sa establecerá unha quenda de  palabras entre o público asistente. Corresponde ao/á Alcalde/sa pechar dita quenda, permitindo ao menos unha intervención de cada un/ha das persoas que na abertura tivesen solicitado a palabra, por un tempo non superior a dez minutos por persoa. En cada Pleno darase a palabra a un máximo de 5 persoas, aquelas que demandaran intervir e non puidesen facelo por exceder este límite, terán prioridade para facer uso da palabra no Pleno seguinte.  








Artigo 11.

1.- As convocatorias e ordes do día das sesións do Pleno transmitiranse aos diferentes órganos municipais, aos órganos que agrupen as entidades cidadás e
aos medios de comunicación social e faranse públicas tamén no taboleiro de anuncios do Concello e na páxina web municipal.

2.- Sen prexuízo do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, o Concello dará publicidade ás Actas das sesións plenarias e a todos os acordos do Pleno e da Xunta de Goberno, así como ás resolucións da Alcaldía e ás que pola súa delegación diten as/os concelleiras/os delegadas/os.

3.- Para este efecto utilizaranse, segundo o caso, os seguintes medios:

a) Edición dun boletín informativo municipal.

b) Remisión para a súa consulta pública á Biblioteca Municipal

c) Exposición no taboleiro de anuncios do Concello.

d) Inclusión das Actas e Resolucións na Páxina Web Municipal

e) Publicación nos medios de comunicación social de ámbito municipal.

f) Remisión ao enderezo electrónico das Actas a aquelas entidades que así o soliciten.

g) Outros medios de comunicación que faciliten a divulgación daqueles actos administrativos.


TÍTULO SEGUNDO

DAS ENTIDADES CIDADÁS E DO REXISTRO MUNICIPAL DE ASOCIACIÓNS


Artigo 12.

1.- De acordo cos seus recursos orzamentarios, o Concello subvencionará economicamente as asociacións para a defensa de intereses xerais ou sectoriais dos/as veciños/as, tanto polo que se refire aos seus gastos xerais como ás actividades que realicen.

2.- Para estes efectos, o orzamento municipal incluirá unha partida destinada a este fin. O Concello, no exercicio das súas potestades regulamentarias e de autoorganización, aprobará as normas ou bases reguladoras das formas, medios e procedementos de distribución desa partida que, en todo caso, terá en conta a representatividade da asociación, o grao de interese ou utilidade cidadá dos seus fins, a súa capacidade económica autónoma e as axudas que reciban doutras entidades públicas ou privadas.

Artigo 13.
1.- As asociacións ás que se refire o artigo anterior poderán acceder ao uso de medios públicos municipais, especialmente aos locais sociais, coa limitación que impoña a coincidencia do uso por parte de varias delas ou polo propio Concello, e serán responsables do trato dado ás instalacións.

2.- O uso de medios públicos municipais deberá ser solicitado ao Concello por escrito e coa antelación que establezan os servizos correspondentes.

Artigo 14.

Sen prexuízo do dereito xeral de acceso á información municipal recoñecido ás veciñas e aos veciños, as entidades ás que se refiren os artigos anteriores gozarán dos seguintes dereitos:





a)    Recibir no seu enderezo social as convocatorias dos órganos colexiados municipais que celebren sesións públicas ou daquelas en que deba estar presente o movemento cidadán. Recibir así mesmo as resolucións e acordos adoptados polos órganos municipais cando afecten ao obxecto social da entidade ou esta cumpra as normas estabelecidas para a súa recepción.

b) Recibir as publicacións, periódicas ou non, que editen o Concello e os seus     organismos, así como, de ser o caso, o catálogo das publicacións editadas e de posíbel acceso.

Artigo 15.
1.    Os dereitos recoñecidos ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais das veciñas e veciños, só serán exercitábeis por aquelas que se atopen inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións.
2.    O Rexistro ten por obxecto permitir ao Concello coñecer o número de entidades existentes no Municipio, os seus fins e a súa representatividade, para posibilitar unha correcta política municipal de fomento do asociacionismo veciñal. Polo tanto, é independente do Rexistro Xeral de Asociacións, no que deben figurar inscritas todas elas.
3.    Poderán solicitar e obter a inscrición no Rexistro Municipal de Asociacións todas aquelas entidades legalmente constituídas, de funcionamento democrático e sen ánimo de lucro de carácter social, deportivo, veciñal, da muller, persoas maiores, xuventude, etc., con domicilio social dentro do municipio de Sillleda e que neste ámbito xeográfico desenvolvan as súas actividades, que consistirán fundamentalmente na defensa, fomento e mellora dos intereses xerais ou sectoriais da cidadanía.

Artigo 16.

1. A solicitude de inscrición presentarase nas oficinas do Concello.

2. O Rexistro levarase na Secretaría Xeral da Corporación, a través da Oficina de Información e os seus datos serán públicos. As inscricións serán realizadas polas asociacións interesadas, que terán que presentar os seguintes datos:

a) Estatutos da asociación.

b) Número de inscrición no Rexistro Xeral de Asociacións e noutros rexistros públicos.

c) Nome e apelidos das persoas que ocupen os cargos directivos.

d) Enderezo social.

e) Orzamento do ano en curso.

f) Programa de actividades do ano en curso.

g) Certificación do número de socios.

Artigo 17.
1.- No prazo de quince días desde a solicitude de inscrición, e agás que se teña que interromper para presentar documentación non incluída inicialmente, o Concello notificará á asociación o seu  número de inscrición e, a partir dese momento, considerarase de alta para todos os efectos.

2.- As asociacións inscritas están obrigadas a manter os seus datos ao día, notificando cantas modificacións se produzan no prazo máximo dun mes. O orzamento, o balance económico do exercicio anterior e o programa anual de actividades comunicaranse durante o primeiro trimestre de cada ano.




3.- O incumprimento destas obrigas dará lugar a que o Concello poida dar de baixa á asociación no Rexistro.

Artigo 18.

As asociacións inscritas teñen dereito a propor aos/ás seus propios representantes nos consellos de administración e noutros órganos executivos dos padroados, sociedades, empresas públicas, fundacións, organismos autónomos e demais fórmulas de xestión dos servizos públicos municipais, de acordo co estabelecido nos regulamentos ou estatutos respectivos.


TÍTULO TERCEIRO


DOS CONSELLOS DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ


Artigo 19.

Co fin de desenvolver os obxectivos de participación, constituiranse os Consello de Relacións Veciñais e o Consello Económico e Social e asemade os Consellos sectoriais que polo Excmo. Concello e no Pleno se estimen oportunos.

Artigo 20.

O Consello de Relacións Veciñais estará integrado polos seguintes membros:

Presidenta/e: O/A Alcalde/sa ou quen legalmente o substitúa

Vicepresidenta/e Executiva/o: A/O Concelleira/o Delegada/o con responsabilidade na materia de Participación Cidadá.

Vogais: Un/ha representante de cada un dos grupos políticos municipais integrantes da Corporación. Catro en representación das Asociacións veciñais incluídas no Rexistro municipal, en todo caso deberá quedar garantida a representación das entidades asociativas do medio rural. Un/ha representante de cada un dos Consellos sectoriais, se se crean.  A/O Secretaria/o, será a/o do Concello ou funcionaria/o municipal no que delegue.

Artigo 21
.
Os membros do Consello de Relacións Veciñais serán designados polo Pleno do Concello segundo a proposta das instancias que representen.

Artigo 22.
1.- O Consello de Relacións Veciñais reunirase, ordinariamente, unha vez por semestre e, con carácter extraordinario, por convocatoria da/o súa/seu presidenta/e ou cando así o solicite un terzo calquera dos seus membros.

2.- Os acordos adoptaranse por maioría simple.

3.- De cada reunión que se celebre redactarase unha acta na que consten os nomes das/os membros asistentes, os asuntos examinados e os ditames emitidos.

4.- Para a válida constitución do Consello, requírese a asistencia da metade máis un do número legal de membros. En segunda convocatoria poderá constituírse o Consello sempre que estean presentes ao menos un terzo dos seus membros.

5.- O Consello de Relacións Veciñais dotarase dun regulamento de funcionamento que deberá ser aprobado, en todos os seus extremos, polo Pleno da Corporación
Municipal. Poderá constituírse cos seus membros natos, adscribindo as/os representantes dos consellos sectoriais unha vez constituídos.

6.- O Consello de Relacións Veciñais poderá formar no seu seo as comisións de estudo que considere convenientes, respectando na súa composición a representación proporcional do propio Consello.



Artigo 23.-
Son funcións do Consello de Relacións Veciñais:

a) Propoñerlle ao órgano competente fórmulas encamiñadas a resolver os problemas relacionados co ámbito das súas funcións.

b) Emitir informes, por iniciativa propia ou a petición do Concello, sobre materias da súa competencia.

c) Emitir e formular propostas e suxestións en relación co funcionamento dos servizos e organismos públicos municipais.


d) Presentar iniciativas, propostas ou suxestións ao Concello, para ser discutidas nas comisións informativas municipais correspondentes.

Artigo 24.- O consello Económico e Social
.
O Consello Económico e Social configúrase como un órgano permanente de comunicación entre os distintos intereses económicos e sociais do Concello de Silleda e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello.

Artigo 25.- Funcións.
O Consello Económico e Social terá as seguintes funcións:

a) Ser informado sobre os criterios e liñas xerais do anteproxecto do Orzamento Municipal aos efectos do seu coñecemento en relación ás materias socioeconómicas.

b) Elaborar informes, ditames ou estudos, de oficio ou a instancia do Concello de Silleda, en calquera asunto de carácter económico e/ou social.

c) Servir de canle de participación e diálogo das/os interlocutores sociais no debate de asuntos de transcendencia nos ámbitos económicos e sociolaborais, co fin de potenciar o desenvolvemento económico e a creación de emprego, a implantación de novas actividades e o desenvolvemento das xa existentes.

d) Pronunciarse sobre a instalación no Termo municipal de grandes equipamentos, infraestruturas ou servizos e Propor solucións e criterios de actuación orientados á promoción económica e á creación de emprego no municipio de Silleda.

f) Coñecer as medidas de planificación económico-sociais que se elaboren polo Concello de Silleda e que afectan de forma xeral aos intereses económico-sociais do Municipio.

g) Emitir anualmente, dentro do primeiro semestre de cada ano, un informe sobre a situación económica e social do Municipio.

Art. 26.- Composición.
O Consello Económico e Social do Concello de Silleda estará formado polos seguintes órganos: Pleno, Presidente/a, Vicepresidente/a e Secretario/a.

Presidente: O/A Alcalde/sa ou quen legalmente o/a substitúa.

Vicepresidente/a executivo/a: O/A concelleiro/a delegado/a correspondente.

Un concelleiro/a, en representación de cada un dos restantes grupos municipais representados na Corporación.

Un/ha, en representación de cada unha das entidades empresariais constituídas en Silleda.




Un/ha, en representación de cada un dos sindicatos que teñan recoñecida a condición de máis representativos.

Un/ha, en representación da Confederación de Empresarios de ámbito Comarcal.

Un/ha, en representación das asociacións veciñais do concello de Silleda.

A/O secretaria da Corporación, ou funcionaria/o en quen delegue.

Art. 27.- Normas comúns de funcionamento.
O funcionamento dos órganos previstos no presente regulamento axustarase ao previsto para os órganos colexiados no Regulamento de Organización  Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e na Lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. O voto das/dos membros do pleno será persoal e non delegábel; recoñecéndose o dereito dos discrepantes a formular votos particulares. As sesións poderán asistir en calidade de asesoras/es aquelas/es especialistas, técnicas/os ou persoeiros que a presidencia ou a maioría do pleno consideren necesaria, que participarán con voz pero sen voto. Poderán formarse comisións de traballo, as cales terán especificamente misión de preparar e desenvolver os traballos do Pleno.

Art. 28.- Presidenta/e.

A/O presidenta/e será o/a Alcalde/sa ou membro da Corporación municipal en que delegue.
As funcións serán as seguintes:

1.- Ostentar a representación do Consello que preside.
2.- Convocar as sesións, presidilas e moderar o desenvolvemento do debate.
3.- Formular a orde do día das reunións.
4.- Ordenar a publicación dos acordos, no seu caso, e dispor o seu cumprimento.

TÍTULO CUARTO

CAPÍTULO I: DOS C0NSELLOS PARROQUIAIS


Artigo 29.- Os Consellos Parroquiais
Os consellos parroquiais son órganos desconcentrados de participación, consulta, información, control e propostas da xestión municipal, carentes de personalidade xurídica propia, que permiten e impulsan a nivel parroquial a participación de veciños e veciñas, colectivos e entidades.
Constituirase un consello parroquial en cada unha das parroquias rurais do Concello.

Artigo 30.- Composición
Cada Consello Parroquial estará composto por:
?    Presidente: un/ha veciño/a da parroquia.
?    Vicepresidente, que actuará así mesmo como Secretario: un/ha veciño/a da parroquia.
?    Vogais: un mínimo de un e un máximo de cinco, representante/s das entidades de participación cidadá legalmente constituídas, inscritas no Rexistro municipal, que teñan como único ámbito de actuación a parroquia.

Artigo 31.- Elección  de membros
O Consello Parroquial, é o representante da parroquia, en tal condición, terán o carácter de autoridade no cumprimento dos seus cometidos.
O/A Presidente/a e o/a Vicepresidente/a do Consello Parroquial, serán nomeados polo/a alcalde/sa a proposta da Asemblea Parroquial.
Os/as vogais serán electos/as polas entidades de participación cidadá, legalmente constituídas, inscritas no Rexistro municipal, que teñan como único ámbito de actuación a parroquia. No suposto de inexistencia das ditas entidades de participación cidadá, designarase vogal a un/ha veciño/a da dita parroquia, proposto/a pola asemblea parroquial.



Cada catro anos renovaranse tódolos membros do Consello Parroquial, limitándose a tres o número de períodos consecutivos de pertenza a este órgano, e a seis os descontinuos.
No seu caso, o cese de membros do Consello Parroquial antes do esgotamento do seu mandato realizarase a proposta da Asemblea Parroquial, por maioría dos asistentes á Asemblea. A vacante será cuberta polo mesmo procedemento, (maioría na votación na Asemblea Parroquial ou designación polas entidades de participación cidadá), agás que o cese se produza nos seis meses anteriores á finalización do mandato.

Artigo 32.- Competencias

As competencias dos consellos parroquiais, son as seguintes:
a) Fomentar a participación directa e descentralizada dos veciños e veciñas, colectivos,   asociacións e entidades, en actividades propias e/ou do Concello, estabelecendo os mecanismos necesarios de información, impulso e seguimento das súas actividades.
b) Solicitar e transmitir propostas dos veciños e veciñas, relativas ao funcionamento dos servizos e actuacións municipais.
c) Elevar anualmente ao Concello, un estado de necesidades da parroquia, con indicación e selección de prioridades, para a súa posible inclusión nos plans de actuación municipal, e nos orzamentos do Concello.
d) Analizar o seguimento dos elementos dos  plans de actuación municipal, e dos seus obxectivos que afecten á parroquia.
e) Propor ao Pleno da Corporación, a inclusión de asuntos na orde do día e, no seu caso, intervir nestes, nos termos e condicións establecidos por este regulamento.
f) Facilitar a maior información e publicidade aos veciños e veciñas, sobre as actividades e acordos municipais, que teñan incidencia especial sobre a parroquia.
g) Colaborar co Concello, na solución dos problemas da parroquia e, axudar na aplicación de políticas que preveñan actuacións de risco, conflitos veciñais e causas de inseguridade e exclusión social.
h) Promover e fomentar o asociacionismo, a participación na vida da parroquia, e a cooperación entre organizacións, potenciando a coordinación entre diferentes institucións ou entidades que actúen na parroquia, xa sexan públicas ou privadas.
i) Obter información, previa petición, dos temas de interese para a parroquia.
l) Realizar propostas para o mellor funcionamento dos servizos municipais.

Artigo 33.- Periodicidade das reunións

Os consellos parroquiais reuniranse en sesión ordinaria, unha vez cada seis meses, ou cando o estimen necesario para o cumprimento dos seus obxectivos,  e extraordinariamente a proposta do Presidente do Consello Parroquial, cando o soliciten un 20 % dos veciños e veciñas, ou cando o solicite o/a alcalde/sa ou concelleiro/a delegado/a.
Correspóndelle ao Presidente do Consello Parroquial co apoio do Vicepresidente a convocatoria e a elaboración da Orde do Día das sesións, das que se realizará acta.  

Publicitaranse a data e hora das xuntanzas ordinarias con quince días de antelación, á fin de que os veciños e veciñas poidan presentar solicitudes e propostas, para a súa inclusión na Orde do Día.
Con carácter anual, e previamente á aprobación dos presupostos do Concello, a Alcaldía convocará  a todos/as os Presidentes, ou membro do Consello no que deleguen a unha sesión conxunta de todos os consellos parroquiais do Concello, para informar e analizar a xestión municipal a nivel territorial, o desenvolvemento dos Plans de Acción Municipais e, no seu caso, a desagregación territorial dos presupostos do Concello.








CAPÍTULO II : DAS ASEMBLEAS PARROQUIAIS


Artigo 34.-  A Asemblea Parroquial
A asemblea parroquial estará constituída por todos os veciños e veciñas/as da parroquia, maiores de 18 anos, incluídos no censo municipal.

Artigo 35.- Competencias
Son competencias da asemblea parroquial:
a) A elección e proposta á Alcaldía, do nomeamento ou cese do presidente,  vicepresidente do
consello parroquial e, no seu caso, do vocal.
b) O debate e análise dos asuntos de interese a nivel parroquial, así como a formulación de propostas de actuación dirixidas ao consello parroquial, ou aos órganos municipais.
c) Aprobar con carácter previo e por maioría simple, as Propostas de actuación que o Consello traslade ao Concello para a súa execución e/ou inclusión nos plans municipais.

Artigo 36.- Periodicidade das Asembleas
A asemblea parroquial, reunirase ordinariamente como mínimo unha vez ao ano e, extraordinariamente, cando así o demande o alcalde/sa, ou a proposta do consello parroquial, ou a iniciativa dos veciños que reúnan o 20 por cento de sinaturas acreditadas do padrón parroquial.
A proposta de nomeamento ou cese, do vicepresidente do consello parroquial e, no seu caso do vogal, farase nunha asemblea parroquial reunida para tal efecto, con esa única orde do día, por maioría dos asistentes.
A asemblea parroquial estará presidida polo consello parroquial.

TÍTULO QUINTO

DOS CONSELLOS SECTORIAIS OU DE ÁREA


Artigo 37.-
O Pleno do Concello poderá acordar o estabelecemento de consellos sectoriais, para cada un dos sectores ou áreas da actividade municipal, tentando reagrupar por áreas, que teñan por finalidade canalizar a participación da cidadanía e as súas asociacións nos asuntos municipais.

Artigo 38.-
Os consellos sectoriais son órganos de participación e información da xestión municipal, referidos aos distintos sectores de actuación nos que o Concello ten competencias.

Artigo 39.-
A composición, organización, ámbito de actuación e réxime de funcionamento dos consellos sectoriais serán establecidos no correspondente acordo plenario. En todo caso, cada consello estará presidido polo/a Alcalde/sa, ou membro da Corporación en que delegue, como presidente/a executivo/a. A vicepresidencia 2ª recaerá necesariamente nun/ha representante cidadán.

Artigo 40.-
Unha vez constituído o consello sectorial, por acordo do Pleno da Corporación, dotarase dun regulamento interno de funcionamento que deberá ser ratificado polo propio Pleno.

Artigo 41.-
Os consellos sectoriais teñen idénticas funcións que o Consello de Relacións Veciñais, agás que están referidas exclusivamente ao seu ámbito de actuación específico.






TÍTULO SEXTO


DA INICIATIVA CIDADÁ.

Artigo 42.-
1.- Calquera persoa con dereito a voto, ben no seu propio nome ou mediante entidades ou asociacións, poderá propoñer unha iniciativa que deberá estar subscrita ao menos polo 10% dos habitantes do Concello de Silleda

2.- A través da iniciativa cidadá, os veciños e veciñas poderán recadar do Concello a execución dunha determinada actividade de competencia e interese público municipal

3.- Así mesmo a través da iniciativa cidadá poderanse presentar propostas  de acordo,  actuacións ou proxectos no ámbito das competencias municipais

4.- Tales iniciativas deberán ser sometidas a debate e votación no pleno, sen prexuízo de que sexan resoltas polo órgano competente por razón da materia. No seu caso, requirirase o previo informe da/o secretaria/o do Concello, así como o informe do/a interventor/a cando a iniciativa afecte dereitos e obrigas de contido económico do concello.

5.- As iniciativas poden levar incorporada unha proposta de consulta popular local, que será tramitada en tal caso polo procedemento e cos requisitos previstos no artigo 71 da LRBRL.

Artigo 43.-

Na redacción dos seus orzamentos anuais, o Concello terá en conta as iniciativas cidadás aprobadas, para poder levalas a efecto.


TITULO SÉTIMO

DA CONSULTA POPULAR.

Artigo 44.-
O Alcalde, logo do acordo por maioría absoluta do Pleno e coa autorización do Goberno do Estado, poderá someter a consulta popular aqueles asuntos da competencia municipal e de carácter local que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, con excepción dos relativos á facenda local.

Artigo 45.-
A consulta popular, preverá en todo caso:

1. O dereito de toda/o cidadán censada/o a ser consultada/o.

2. O dereito a que a consulta exprese as posibles solucións alternativas coa máxima información escrita e gráfica posible.

Artigo 46.-
1. Corresponde ao Concello realizar os trámites pertinentes para a celebración da consulta popular sobre materias da súa competencia.

2. Tamén poderá solicitarse por iniciativa cidadá a celebración da consulta popular, logo da resolución dos acordos interesados, e por pedimento colectivo cun mínimo de sinaturas de veciños non inferior ao 10% do censo electoral.

En todo o non previsto neste título estarase ao disposto na lexislación estatal ou da Comunidade Autónoma, en especial na Lei orgánica 2/1980, do 18 de xaneiro, reguladora das distintas modalidades de referendo, e artigo 257 da Lei de administración local de Galiza




TITULO OITAVO


DA PARTICIPACIÓN NOS ÓRGANOS DE GOBERNO MUNICIPAIS
.

Artigo 47.-

As entidades cidadás poderán realizar calquera tipo de proposta que estea relacionada con temas que afecten ao seu núcleo de poboación, á súa competencia sectorial ou de interese xeral. Estas propostas terán que ser presentadas por escrito para que sexan tramitadas e resoltas polos órganos competentes.

Artigo 48.-
As entidades cidadás poden intervir naquelas comisións informativas, nas mesmas condicións ca no Pleno da Corporación, cando na orde do día figuren asuntos que afecten a estes colectivos, solicitándoo previamente da Alcaldía-Presidencia, e especificando a representación do colectivo a intervir. A tal extremo será de aplicación o previsto no artigo 10 deste regulamento.


DISPOSICIÓNS ADICIONAIS.


PRIMEIRA.-
En todo o non previsto por este regulamento estarase ao disposto na normativa de aplicación vixente en cada momento

SEGUNDA.
-
O procedemento de revisión ou modificación axustarase ao estabelecido no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.


DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS.


PRIMEIRA.
-
No prazo máximo de seis meses desde a entrada en vigor deste regulamento  constituiranse os Consellos Parroquiais. O Concello impulsará o proceso para a constitución inicial dos Consellos Parroquiais. A elección dos primeiros membros do Consello Parroquial de elección veciñal, realizarase nunha Asemblea Parroquial reunida a tal efecto e con ese único punto na Orde do Día, a mesma será convocada cunha antelación mínima de 30 días, durante os cales estará exposto o
censo de veciños e veciñas da parroquia. A Asemblea convocarase fóra do horario laboral en primeira e segunda convocatorias con media hora de diferenza entre ambas as dúas. Con cinco días de antelación á data da Asemblea pecharase o prazo para que os e as veciñas se presenten como candidatos/as a membros do Consello Parroquial de elección veciñal. Os veciños e veciñas presentarán as súas candidaturas no Rexistro Xeral do Concello. A lista de persoas candidatas publicarase cun mínimo de 3 días de antelación á data da elección no local de uso habitual dos veciños e veciñas da parroquia e no que terá lugar a Asemblea. A Asemblea estará presidida por unha Mesa de Idade, integrada polo veciño/a máis novo/a e o de máis idade presentes na mesma e que acepten formar parte dela. A Mesa de Idade encargarase do desenvolvemento das votacións e de levantar acta dos resultados coas propostas de Presidente/a, Vicepresidente/a e, no seu caso Vocal. A Acta será lida ao remate da asemblea e será asinada por un mínimo de cinco veciños e veciñas ademais dos membros da Mesa. Nos dez días seguintes á Asemblea Parroquial de elección dos membros do Consello de elección, as entidades de participación cidadá (asociacións de veciños, culturais, deportivas, de mulleres,...) legalmente constituídas existentes na parroquia, en sesión individual ou conxunta  designarán un máximo de dous vogais, para a súa incorporación ao Consello Parroquial. Unha vez finalizado este proceso efectuarase o nomeamento dos membros do Consello Parroquial e este iniciará o seu funcionamento de acordo co establecido no presente Regulamento.





SEGUNDA.-
No referente ao procedemento para a designación das/os representantes veciñais, previsto no art. 20, estarase ao que, previa consulta coas entidades representativas do movemento veciñal e a xunta de voceiras/os, se dispoña por resolución da Alcaldía.


DISPOSICIÓN DERROGATORIA.
Desde a data de entrada en vigor deste regulamento quedan derrogadas todas as disposicións contidas en ordenanzas e regulamentos Municipais que se opoñan ao disposto no mesmo.

DISPOSICIÓN FINAL.
Este regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación completa no Boletín Oficial da Provincia, e tramitarase de acordo co procedemento establecido no artigo 49 da Lei 7/1985, do 2 de Abril, reguladora das bases do réxime local.


Silleda, xaneiro de 2010

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]