Oficinas I+B
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Na actualidade hai no noso país 18 oficinas de I+B, ás que hai que sumar a do módulo Nelson Mandela do Centro Penitenciario de Teixeiro, e que atenden 294 concellos, é dicer, a prática totalidade dos municipios galegos, exclusión feita dos de carácter urbano.
Estas oficinas actúan, en plena coordinación cos servizos sociais municipais, desenvolvendo programas en materia de menores, como é o Plano Estratéxico Galego de Infancia e da Adolescencia, que ocupa a 28 traballadores e traballadoras; loita contra a pobreza e inclusión social, co Plano de Inclusión Social de Galiza 2007-2013, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e que ocupa a 46 traballadores e traballadoras; igualdade, co Plano de Igualdade de Oportunidades, desenvolvido por 18 traballadores e traballadoras; e, familia, a través do Plano Integral de Apoio ás Familias, atendido por 12 traballadores e traballadoras. En total, 104 traballadores e traballadoras, aos que hai que sumar as 9 persoas que integran a equipa coordinadora e 3 profesionais que exercen no módulo Nelson Mandela de Teixeiro. Cómpre lembrar que son todas e todos profisionais que accederon aos seus postos de traballo despois de superaren, de conformidade coa normativa reguladora do acceso ao emprego público, as correspondentes probas selectivas tal e como o pasado 3 de novembro recoñeceu a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, rectificando as manifestacións verquidas no curso dunha comparecencia parlamentaria o pasado 23 de outubro nas que cualificou as oficinas de I+B como “oficinas de emprego do BNG”.
Aínda tendo en conta todo isto, tanto a Conselleira de Traballo e Benestar como a Secretaria Xeral de Familia e Benestar, seguen a deitar dúbidas sobre o futuro destas oficinas e das súas traballadores e traballadores, avogando para que sexan os concellos os que asuman os servizos que se prestan na actualidade e remitindo a súa continuidade á negociación coa FEGAMP. Ameázase deste xeito con pór fin a unhas oficinas que, desde un punto de vista integral e multidisciplinar, supuxeron unha clara melloría na prestación dos servizos sociais no canto de as afortalar dando continuidade a un proceso de consolidación de emprego para os seus traballadores e traballadoras paralisado pola Xunta do PP. Hai que ter en conta que estas oficinas de I+B traballan en permanente coordinación cos servizos muncipais, que ven desconxestionar o seu traballo ao permitir derivar cara elas un volume importante de asuntos.
Polo o exposto, o grupo municipal do BNG somete á consideración do Pleno da Corporación municipal o seguinte
ACORDO:
· Instar á Xunta de Galiza a
1. Manter as oficinas de I+B coas funcións actuais en materia de familia, igualdade, menores e inclusión social.
2. Dar continuidade ao proceso de consolidación de emprego para as traballadoras e traballadores das oficinas de I+B.
· Comunicar este acordo aos grupos do Parlamento galego.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda