Lei de Dependencia
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Numerosas persoas beneficiarias da Lei de Dependencia están denunciando o abandono que sufren por parte da Xunta de Galiza que non atende en prazo o pagamento das axudas.
O anterior goberno da Xunta viña abonando as cantidades relativas ás axudas para coidadores e coidadoras das persoas acollidas á Lei de Dependencia nos cinco primeiros diás do mes. Nos últimos tempos, e coincidindo coa entrada do PP no goberno galego, o pagamento vense demorando cada vez máis; tal é o caso do mes de outubro pasado, onde a día 23 aínda estaban sen cobrar.
A propaganda da Xunta de Galiza pregoa que o gasto social para o ano 2010 non se vai reducir, pero a realidade é que o trato que se lle está a dar ás persoas usuarias da Lei de Dependencia contradí de plano este dato e bota por terra toda a propaganda que o PP está desenvolvendo, incluso a relativa a falta de financiación estatal que, aínda existindo, é só un dos varios problemas que a Xunta de Galiza non atende.
A maiores hai que indicar que dende a Xunta non se está a facilitar ningún tipo de información ao respecto, non hai literalmente a quen acudir, co cal a indefensión na que se atopa o colectivo de dependentes é patente. Coincide isto co marasmo e inacción da que fai gala a Consellaría de Traballo e Benestar, en xeral.
O certo é que a día de hoxe a Xunta de Galiza está aforrando o pagamento das persoas dependentes, engrosando as arcas públicas á conta daquelas persoas que máis o necesitan, as persoas máis indefensas da nosa sociedade.
Por isto, o Grupo Municipal do BNG somete á consideración do Pleno do Concello a seguinte proposta de
ACORDO:
Instar á Xunta de Galiza a
1. Dotar nos Orzamentos para 2010 recursos suficientes para asegurar a cobertura de todas as persoas dependentes que, de conformidade co calendario de aplicación da lei, teñen dereito a receber a súa prestación.
2. Pagar en prazo as prestacións que teñen recoñecidas as persoas dependentes.
3. A instar ao Goberno do Estado a que dote Orzamentos de 2010 de recursos suficientes para asegurar as coberturas derivadas da Lei de Depedencia, de acordo co calendario de aplicación da lei.
4. Manter os planos de despregamento do Sistema Galego de Benestar, acelerando a apertura das residencias e centros de día xa construídos e a construción dos que xa están proxectados.
5. Colaborar cos concellos a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na prestación de servizos e prestacións sociais de calidade ao conxunto da poboación de Galiza.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda