Caixas de aforro Galegas
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O estoupido da crise financeira está a provocar un amplo debate sobre o modelo de caixas de aforro en Galiza, ao que non poden ser alleas as entidades locais. Alén do seu carácter de entidades financeiras, as caixas -pola súa natureza fundacional- teñen unha vocación social e unha vinculación co territorio no que se asentan e constitúen o principal instrumento financiador da economía galega.
A situación actual de recesión económica e de dificuldades financeiras fai necesaria a intervención por parte dos poderes públicos galegos na adopción dunha estratexia por parte das caixas de aforro galegas de apoio decidido aos sectores produtivos galegos, ás empresas que producen e crean valor en Galiza e, en xeral, a contribuír ao impulso da economía produtiva do país. Cómpre, polo tanto, máis que nunca a coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas de aforro galegas, orientándoas a fortalecer os lazos co tecido empresarial galego e apoiar o financiamento dos sectores económicos estratéxicos, así como a xeración de emprego.
Por outra banda, a precipitación de acontecementos e novas sobre a reestruturación das entidades de crédito, logo da constitución do Fondo Ordenado de Reestruturación Bancaria (FROB), obriga a ter unha posición común en defensa da galeguidade das caixas de aforro de Galiza, a salvagardar as competencias exclusivas que sobre as caixas de aforro se recoñecen no Estatuto de Autonomía, e a adoptar decisións sen demora que garantan a solvencia das caixas galegas e a recuperación do seu papel de canalización do aforro galego cara os sectores vitais da nosa economía produtiva.
A consecución deses obxectivos obriga necesariamente a que as caixas de aforro galegas manteñan os seus centros de decisión en Galiza, mais tamén a abordar unha reforma legal pola que se reforce a función de protectorado e control público das caixas de aforro, dada a súa natureza e función social, para conectalas coa estratexia económica máis acaida aos intereses económicos xerais do país; así como se mellore a transparencia no seu funcionamento, afondando nunha maior democratización dos seus órganos directivos.
MOCIÓN:
Por todo iso, sométese á consideración do Pleno a aprobación do seguinte
ACORDO:
1. Instar á Xunta de Galiza a asegurar, en uso das súas competencias, que o centro de decisión das caixas de aforro galegas se manteña, en todo caso, en Galiza.
2. Instar ao Parlamento de Galiza a que aprobe unha lei reguladora das caixas de aforro galegas que asegure o seu carácter público, a democratización dos seus órganos de goberno, o seu compromiso efectivo coa economía produtiva e a criazón de emprego en Galiza, así como a orientación da súa obra social cara a satisfacción das necesidades sociais e culturais reais do noso país.
3. Trasladar este acordo aos grupos parlamentares de Galiza.
Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda