Taxas central agropecuaria de Galiza

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O anuncio de instaurar unhas tarifas para asumir os custos derivados dos traballos e xestión da Lonxa Agropecuaria de Galiza (renomeada agora como Central Agropecuaria de Galiza) que se celebra todos os martes no Recinto Feiral de Galiza de Silleda, manifestado polo Conselleiro da Presidencia e Presidente do Padroado, Alfonso Rueda, na última reunión do Padroado da Fundación Semana Verde de Galiza, confírmase nestes momentos coa instauración definitiva dos prezos tanto aos animais que entran na poxa con taxas por valor de 1 en concepto de entrada ao recinto no caso das tenreiras de recría e de 2 euros para vacas ou tenreiros vacúa e unha comisión do 1,5% do valor da adxudicación acadadas.

Isto débese ver como unha clara tentativa de acadar un financiamento da actividade gravando á parte máis sensíbel, os criadores e gandeiros, os cales xa están a vivir un situación practicamente insustentábel coa situación que sofre o sector agrogandeiro na actualidade, acusada nomeadamente cunha crise económica que abafa por completo a un dos sectores produtivos básicos para a nosa contorna e o País.

A Lonxa agropecuaria desenvolveuse desde 1981 até a actualidade baixo unhas condicións faroráveis que facilitan a comercialización e información a un sector como agrograndeiro que non pode ser outra vez e xa son moitas, vítima dun proceso de desmantelamento que o afoga e o aboca ao esmorecemento, neste caso prexudicándoo na saída ao mercado.

A cobranza deste prezo nos momentos actuais non se debe levar a cabo e deste xeito e a carga económica que poida supor a utilización dos servizos da Central agropecuaria de non conseguir o autofinanciamento, debe ser asumida pola administración autonómica, concretamente a Consellaría do Medio Rural (lémbrese que ten presenza no Padroado da Fundación), apostando por un sector fundamental ao igual que a Xunta e outras administracións están a colaborar estreitamente con axudas, subvencións e achegas de cantidades públicas con outros sectores marxinalizados ou claramente desfavorecidos polo contexto da crise.

O Concello de Silleda, como membro do Padroado da Fundación, debe posionarse e intervir neste asunto favorecendo os inreses dos gandeiros e criadores, moitos deles do noso concello, perante o Padroado.

MOCIÓN:

Por todo isto, o BNG proponlle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte


ACORDO:

1.    Que a Alcaldesa, patroa nomeada pola Corporación do Concello de Silleda como integrante do Padroado da Fundación Semana Verde de Galiza, demande deste padroado unha solución favorábel aos nosos gandeiros e criadores perante a cobranza das devanditas taxas.
2.    Que a membro pola parte do Concello de Silleda no padroado, caso de non acadar un consenso nesta proposta de derrogación de taxas, solicite formalmente do devandito padroado que estas taxas sexan asumidas pola Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galiza.


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]