Mellora do finaciamento local

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:


A crise económica está a supoñer unha forte redución de ingresos por parte das administracións públicas. Nos concellos, esta merma provoca un grave deterioro financeiro, o que sumado ao estrutural raquitismo do financiamento local, provoca tamén situacións próximas á bancarrota en moitos concellos. Polo tanto, compre adoptar medidas, tanto de carácter mais urxente e conxuntural como outras de carácter estrutural de cara a garantir unha estabilidade orzamentaria nos concellos que lles permita prestar de xeito eficaz os servizos que lle son encomendados.
Doutra banda, a Xunta de Galiza ten feito mención a unha redución do capítulo de impostos indirectos e de taxas e prezos, como consecuencia da actual situación de grave crise económica. Dende o BNG consideramos que tal redución non debe afectar aos ingresos que reciben os concellos mediante o Fondo de Cooperación Local, polo que é necesario garantir que este ano os concellos reciban as cantidades previstas a tal efecto.
No mesmo sentido, é prioritario que o Goberno do Estado elabore un Plan que, ante a forte redución de ingresos públicos provocados pola crise, se garanta o gasto corrente aos concellos, e no suposto de liquidacións negativas na Participación de Ingresos do Estado que se aplique unha moratoria.
Por último, con respecto ao modelo de financiamento local, os concellos galegos, que representan aproximadamente o 6,5 % da poboación do Estado español, receben un 5,27% da participación nos ingresos do Estado. Mentres os concellos de Galiza receben 176,54 euros por habitante, a media no conxunto do Estado recebe 221,07 euros. Así, queda patente que o financiamento dos concellos desde o Estado é insuficiente e inxusto: só ten en conta a poboación (75%) e o esforzo fiscal (25%) e non ten en conta que os custos dos servizos en Galiza son máis altos que no resto do Estado pola dispersión poboacional e o avellentamento da poboación. Neste sentido cómpre recordar que Galiza conta coa metade dos núcleos de poboación do Estado: 36.000; e que a dispersión encarece os custos da prestación dos servizos.
Polo tanto, con carácter estrutural, é necesario reformar o financiamento local e incrementar a contía da participación nos ingresos do Estado. Así, demandamos a integración plena da transferencia da participación nos ingresos do Estado nos orzamentos da Xunta de Galiza, e esta transferencia deberá ter en conta o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión dos núcleos e do envellecemento da poboación.
Por todo isto, o BNG proponlle ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte



ACORDO:


Instar á Xunta de Galiza a
1. Garantir para o 2009 as cantidades previstas para os concellos a través do Fondo de Cooperación Local e non recortar a dotación do Fondo de Cooperación Local para o ano 2010.
2. A que demande do Goberno do Estado que elabore un Plan que garanta o gasto corrente aos concellos e un sistema de moratorias no suposto de liquidacións negativas das cantidades recibidas da Participación de Ingresos do Estado.
3. A que demande do Goberno do Estado a reforma urxente do financiamento local, de maneira que o novo modelo incremente a contía da participación nos ingresos do Estado, e dita participación dos concellos galegos se integre plenamente nos orzamentos da Xunta de Galiza. Así mesmo, demandarase que o novo modelo teña en conta o maior custo dos servizos en Galiza, derivado da dispersión dos núcleos e do envellecemento da poboación.
4. Dar conta deste acordo ao Goberno da Xunta de Galiza e aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza.


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]