Recollida de Residuos voluminosos

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) ven de comunicar que a partires do 1 de setembro de 2009 procederase ao cesamento da recepción de residuos voluminosos procedentes dos concellos adheridos.
O cesamento na prestación do servizo de retirada de residuos voluminosos por parte de SOGAMA, para o seu posterior tratamento, prodúcese de xeito unilateral, sen ningún tipo de negociación previa cos concellos afectados, que a partir do 1 de setembro terán que facerse cargo, individualmente, da recollida e entrega deste tipo de residuos a un xestor autorizado.
Con este anuncio, a Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) podería estar a incumprir as condicións pactadas cos concellos no momento da súa adhesión, sen que nin a Xunta nin a propia SOGAMA ofrezan ningunh a solución alternativa e viábel aos Consellos afectados, que, ademais de ter que artellar sistemas de recollida, verán como os custes do tratamento destes residuos se incrementan de xeito exponencial.
A falla dun sistema homoxéneo para a retirada destes residuos, xunto co incremento significativo dos custes, precisamente nun momento no que como consecuencia da crise económica e das deficiencias do sistema de financiamento local as facenda municipais están a pasar por situacións moi difíciles, podería derivar na proliferación de vertedoiros incontrolados ou, no mellor dos casos, cando o tratamento se faga conforme á legalidade e por un xestor autorizado, no traslado do incremento dos custes ao recibo do lixo que terán que soportar os/as veciños/as dos concellos afectados.

MOCIÓN
Por iso solicitamos do Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

ACORDO
1. Instar á Xunta de Galiza e á Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) ao mantemento da recepción de residuos voluminosos procedentes dos municipios adheridos, nas condicións que o viña facendo até agora, para o seu posterior tratamento por un xestor autorizado e conforme á normativa vixente.

2. No seu defecto, instar á Xunta de Galiza a que aporte unha solución alternativa e viábel, que non supoña un incremento do recibo do lixo dos concellos afectados.


Asdo./ Matías Rodríguez da Torre
Concelleiro do BNG en Silleda

 

facebook  twitter  digg  technorati  yahoo  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]