O concello de Salvaterra entre os máis endebedados
O portavoz do BNG en Salvaterra, Gabriel Martínez, critica que este municipio encabeza a lista de concellos galegos, da área de Vigo con maior endebedamento por habitante, xunto a Mos e Nigrán. O responsable nacionalista asegura que esta situación se debe á “pésima xestión económica que realiza o equipo de gobeno encabezado por Arturo Grandal” que leva tamén a que o Consello de Contas asegure que Salvaterra é un dos concellos con “situación financieira comprometida”.
Gabriel Martínez considera “exemplo de mala xestión” que o endebedamento por habitante en Salvaterra ascenda a 300 euros por habitante, segundo os datos do Ministerio de Hacienda. Asemade, cualifica como “inaceptable” as explicacións manifestadas polo alcalde, nas que Arturo Grandal xustificaba a débeda polo o patrimonio adquirido e polos servizos que ofrece o Concello. Neste sentido, o nacionalista pregúntase se por servizos o alcalde entende “piscina climatizada, biblioteca ou centro de día, que non temos”. Respecto ao patrimonio adquirido, o concelleiro do BNG sinala que parte dos terreos do parque da Canuda está aínda sen pagar aos seus propietarios, “ao igual que parte dos terreos dos colectores”.
“Estes temas non poden servir de xustificación posto que o goberno local vendeu as parcelas do polígono industrial Chan da Ponte, polo que recaudou máis que o gasto en mercar patrimonio”, sinala o concelleiro do BNG. Martínez reprocha tamén a Grandal que este diga que a cesión do 10% do terreno que recibirá o Concello pola Plisan cando “os dereitos mineiros aínda están sen pagar pese a que están recoñecidos pola xustiza”.
O Consello da Xunta do bipartito aprobou un convenio que foi publicado en forma de Decreto no Diario Oficial de Galiza do 23 de abril de 2009, que posibilita o cobro dos dereitos mineiros polos veciños afectados, e que contou con todos os informes xurídicos pertinentes favorables emitidos pola Asesoría Xeral da Xunta. Neste sentido, o responsable nacionalista critica que o goberno actual “retrasa deliberadamente o pago e a posta en funcionamento da Plisan”.
O portavoz nacionalista asegura que outro exemplo da mala xestión económica do PP ao fronte do goberno de Salvaterra é que o Consello de Contas considere que o municipio en “situación financieira comprometida”. Esta situación pode levar, segundo Gabriel Martínez a unha “situación de insolvencia a finais de ano”. Neste sentido, indica que as contas de 2008 arrastran un déficit de 235.000 euros.
Por outra banda, Gabriel Martínez engade que o Concello de Salvaterra ten preto de 3 millóns de euros en préstamos, “o que supón unha cantidade desorbitada para unha localidade como a nosa”. Asemade subliña que o equipo de goberno de Salvaterra aínda non foi quen de xustificar a desaparición de 333.755 euros, que non aparecían xa nos orzamentos do ano 2006 “pese a ter creado unha comisión para aclarar os motivos deste desequilibrio orzamentario”. “Dende o BNG pensamos que hai razóns máis que suficientes para considerar que a política económica do PP é un auténtico fracaso”, salienta o responsable nacionalista.