O BNG acada o respaldo do Pleno da Corporación municipal para a construción dunha nova gardería en Salvaterra

O grupo municipal do BNG acadou o apoio do Pleno da Corporación municipal de Salvaterra na súa proposta de construir unha nova escola infantil de 0 a 3 anos co obxectivo de dar resposta á demanda que existe no concello. O portavoz nacionalista Gabriel Martínez expresa, asemade, o apoio do BNG ás nais e pais que tiveron que escolarizar os seus fillos noutras poboacións e que xa recolleron máis de 500 sinaturas a prol desta iniciativa.

O portavoz do BNG expresa a súa satisfacción polo respaldo acadado na última sesión plenaria, pero agarda que non caia “en saco roto” e o goberno municipal poña en marcha as medidas oportunas para poñer en marcha o proxecto. Segundo Gabriel Martínez, o aumento de nenos e nenas de 0 a 3 anos que ten experimentado Salvaterra nos últimos anos pon de manifesto o problema que existe para escolarizar a esta poboación.

O nacionalista indica que a actual escola infantil conta con poucas prazas, polo que os nenos e nenas que quedan fóra no momento de realizar a solicitude de matrícula obriga a pais e nais a desprazarse e matricular os nenos e nenas en concellos limítrofes. “Esta situación ten provocado os propios pais e nais se teñan mobilizado para recoller sinaturas que proximamente entregarán no Concello de Salvaterra. É preciso que as administracións colaboren para solucionar o problema”, manifestou Gabriel Martínez.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]