O BNG reclama a mellora da seguridade nos viais provinciais que conectan Areas e Alxén e Ponteareas e Pazos de Borbén

O grupo municipal do BNG de Salvaterra, a través do seu portavoz e deputado provincial, Gabriel Martínez, lamenta que o goberno do Partido Popular rexeitara a iniciativa nacionalista para mellorar as estradas da Deputación que conectan Areas e Alxén e Ponteareas e Pazos de Borbén. Segundo os nacionalistas, estes viais teñen un trazado perigoso en moitas zonas, con gran número de curvas, carecen de beirarrúas e alumeado en moitos puntos.

O responsable nacionalista considera que as estradas provinciais que cruzan as parroquias de Ribadetea, Padróns, Areas, Guláns, Cristiñade e Nogueira soportan unha alta densidade de tráfico local, ademais do uso peatonal e de vehículos agrícolas. “Pero o PP na Deputación non se preocupa por mellorar a súa seguridade vial, co grave risco diario dos veciños que viven nas parroquias polas que cruzan estes viais provinciais”, manifesta Gabriel Martínez ao respecto.

Por outra banda, o deputado provincial explica que recentemente, a Deputación de Pontevedra presentou os seus orzamentos para o ano 2010, sen que neles figure ningunha partida económica específica para acometer estas melloras. “Trátase dunhas obras que teñen sido reclamadas dende a institución municipal e polos veciños en múltiples ocasións”, lembra Gabriel Martínez. Ao seu xuízo, dar conta destas reclamacións correspóndese coas finalidades e funcións da propia Deputación.

Asemade, dende o BNG lémbrase que a Deputación ten investido decenas de millóns de euros en actuacións similares noutras estradas da provincia, “O PP négalle a Ponteareas o que si ten gastado en comarcas como O Salnés, de donde é Louzán”, comenta o concelleiro nacionalista.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]