O BNG acada o respaldo do Pleno de Salvaterra para reclamar á Xunta e á Confederación Hidrográfica a posta en marcha do colector da marxe dereita do Miño
O BNG acada o respaldo do Pleno de Salvaterra para reclamar á Xunta e á Confederación Hidrográfica a posta en marcha do colector da marxe dereita do Miño
O grupo municipal do BNG de Salvaterra acadou o respaldo do Pleno da Corporación municipal para reclamar á Xunta de Galiza e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a posta en marcha do colector da marxe dereita do río Miño. Segundo salienta o portavoz nacionalista Gabriel Martínez, está é unha obra “imprescindible” porque a actual depuradora de Salvaterra non ten a capacidade necesaria para recoller o volume de augas residuais do municipio.
O concelleiro do BNG explica que a posta en funcionamento do saneamento da cunca do río Tea aumentará considerablemente o volume de augas residuais que van á depuradora do contorno do parque da Canuda. Neste sentido lembra que esta infraestrutura xa vén dando problemas de cheiros e vertidos dende hai meses, polo que é preciso executar o proxecto da depuración integral da marxe dereita dio Miño.
Por outra banda, os responsables do BNG expresan a súa satisfacción polo inicio do funcionamento da depuradora de Guillarei, que da servizo ás parroquias situadas ao carón do río Caselas. Neste sentido, os nacionalistas solicitan que se poña en marcha a conexión das parroquias de Cabreira, Arantei e Porto a este colector, co obxectivo de “garantir o correcto funcionamento da rede de saneamento da zona”.