O goberno do PP de Sanxenxo vai subir a taxa do lixo no rural un 11,72%
Sanxenxo, 27 outubro 08. Hoxe celebrouse no Concello a Comisión de Contas, na que se tratou a modificación das Taxas e Impostos municipais que se cobrarán aos veciños e veciñas de Sanxenxo durante o ano 2.009.
O goberno do PP ven de anunciar que, de todos os impostos e taxas, ningún ía a subir por enriba do I.P.C., algunhas por debaixo e mesmamente que algunha quedaría como estaba.
Non hai peor mentira que as verdades a medias!
Isto ocorre de xeito global na maioría das taxas e impostos tratados mais, ao estudar cada unha polo miúdo, comprobamos que a realidade é ben distinta.
O caso máis escandaloso dáse na taxa pola recollida do lixo na que, mentres as vivendas das zonas urbanas seguirán pagado os mesmos 91,33 euros que no ano 2.008, as das zonas rurais pasarán de pagar un recibo de 45,67 euros en vez dos 40,88 euros que pagaron este ano, o que representa unha suba do 11,72%!
Os veciños e veciñas das zonas urbanas teñen contedores soterrados ou senón de superficie á porta das súas vivendas, que son limpados de maneira periódica, e valeirados unha ou dúas veces no día, mentres os habitantes dos núcleos rurais teñen que desprazarse centos de metros, cando non a quilómetros, para depositar o lixo nuns contedores que se limpan e valeiran cando lle peta á concesionaria e por isto son “castigados” cun maior incremento no recibo!
O portavoz do BNG, Roberto Fernández Lores, subliñou “Os membros deste goberno, cos soldos que están a cobrar, colleron complexo de “novos ricos” e rexeitan todo o que soe a rural”.
O nacionalista recalcou que “Esta actuación confirma o xa dito polo BNG con motivo da modificación do contrato de recollida do lixo á actual concesionaria, que ese incremento ía a ser pagado polos veciños e veciñas de Sanxenxo que viven no rural”. E concluíu dicindo que: “Non é de recibo que os veciños e veciñas de Dorrón, Bordóns, Nantes, Adina, Noalla e Vilalonga teñan que sufrir unha suba de impostos como esta para que os concelleiros e concelleiras do PP poidan seguir engordando as súas contas correntes.