O BNG de Cambados solicita un pleno extraordinario para tratar a situación actual dos cemiterios

Cambados, 8 novembro 08.  O BNG de Cambados expón que desde hai anos a Parroquia de Cambados ven dirixíndose ao Concello para solicitar que este se faga cargo do mantemento dos dous cemiterios existentes, obtendo unicamente como resposta que o concello se encargará da súa limpeza e mantemento. No BNG entendemos que as obrigas do servicio de cemiterio que contempla a lei non se limitan só a isto. O concello ten que ofertarlle tamén ao cidadán outros servicios como: enterramento, depósito de cadáveres, sala de autopsias, sistema de concesión de nichos, alumeado, augas, almacén, forno de destrucción de obxectos, etc. O único xeito de que todos estes servicios poidan ser prestados polo concello é que haxa un cemiterio municipal que garanta a prestación, en igualdade de condicións, sen distinción de crencias relixiosas, de residencia parroquial ou de calquera outro tipo.
Ademais nestes últimos días poden lerse nos medios de comunicación as manifestacións do párroco de Cambados, dicindo que é urxente buscar unha solución a esta problemática, opinión que desde o grupo municipal do BNG compartimos, polo que

Por todo o anterior o BNG solicita que se convoque un Pleno Extraordinario no que se trate como único punto da orde do día a situación actual dos cemiterios parroquiais e a necesidade de crear un cemiterio municipal que atenda ás necesidades dos veciños e veciñas de Cambados.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]