O Plan Sectorial de Vivenda creará, en Cambados, vivenda protexida cun investimento de 3.784.536 € e con novas zonas verdes e equipamentos
O BNG de Cambados apoia esta iniciativa posta en marcha pola Consellería que dirixe a nacionalista Teresa Táboas que aportará a Cambados novos equipamentos e zonas verdes, creando espazos públicos de calidade dos que estamos tan necesitados neste concello, ademais de xerar actividade económica e favorecer o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, contribuíndo a paliar os efectos da crise na que estamos inmersos.
Cremos que os terreos elixidos en Cambados polo Plan Sectorial acaban coa idea de que a vivenda protexida debe estar en localizacións periféricas dos concellos, e aposta pola calidade na ubicación deste tipo de vivendas, que van dirixidas tanto para ás familias con rendas medias como ás máis necesitadas. A actuación prevista en Cambados será o exemplo dun novo urbanismo de calidade e ao servizo da xente, o urbanismo que sempre defendeu o BNG, que contará con espazos para zonas verdes e para dotacións nas que no futuro poderanse ubicar os equipamentos sociais, deportivos ou culturais que tanto necesita Cambados.
O BNG aposta pola colaboración institucional para que o goberno local sexa receptivo a esta iniciativa e tamén pola implicación do sector privado para o seu desenvolvemento efectivo. Considera ademais esta iniciativa como unha ferramenta de planificación de vivenda protexida que, ademais, aposta por dotar aos concellos de Galiza de máis calidade de vida ao incluír novos equipamentos e dotacións, e pola súa capacidade para xerar actividade económica nunha situación de crise.