O Concello gasta o que non ten e os veciños pagamos as consecuencias

Meis, 11 novembro 2008. A última actualización do imposto MUNICIPAL do IBI (CON SUBAS DE ATÉ UN 800%) fai xurdir un profundo malestar nos veciños. A isto sumáselle que se están pasando recibos do lixo, da auga e dos sumidoiros con poucos días de diferenza, sen ter en conta que moita xente non pode asumir estes gastos en tan pouco tempo. Por qué os veciños teñen que pagar a pésima xestión do Concello?
Ademais temos que aturar outra vez as mentiras do alcalde dicíndolle aos veciños que isto non é culpa del, que o IBI non é un imposto municipal. Que o Concello estea endebedado até o teito debido a mala xestión do equipo de goberno polo visto non é responsabilidade do alcalde, a ver se vai ser culpa do BNG como adoita dicir o Sr. Pérez Estevez cada vez que os veciños lle protestan por algunha cousa. Ten que quedarlle claro aos veciños e veciñas de Meis que o único culpábel da situación é o Sr. Alcalde e o goberno do PP.
Neste últimos días mantiveron unha reunión nas dependencias municipais algunhas persoas da fregresía de Nogueira co señor alcalde para falar da problemática subida do IBI.
O señor Pérez Estévez tivo a ousadía de mentirlles a estes veciños, chegando a decirlles, que a recaudación do IBI, ou os recibos da urbana, para que todo o mundo o entenda mellor, non eran para o concello, que non tiña nada que ver co Concello e que polo tanto nada se podía facer desde o goberno municipal.
Pois o certo é que si é un cobro que vai parar ás arcas municipais, por moito que o alcalde de Meis minta, e o faga de forma reiterada.
Estos días están na casa de cultura de O Mosteiro, en horario de mañán e de tarde (até as seis) empregados do catastro, atendendo as consultas veciñais. Pero ante a inxente cantidade de xente que se achega e ante a imposibilidade de darlle cita, ampliase o prazo unha semana máis.
Ao mesmo tempo as persoas que xa acudiron á casa da cultura sita no campo da feira comprobaron como os seus invernadoiros figuraban como naves industriais e de ahí o alto custe do recibo. Os homes e mulleres deste concello vían como naquelas terras nas que tiñan asentado o invernadoiro ou máis de un, o custe do recibo superaba na maioría dos casos os mil euros, por ter estas armazóns de ferro e plástico unhas valoración de ducias de millóns. O asombro, o enfado e a impotencia ante un concello mudo, crearon un nerviosismo e preocupación, ao que o señor Pérez respostou coa venda dun favor consistente en que ía arranxar o que puidera para que os invernadoiros non pagasen unha cotización de tales contías.
A mentir unha vez máis, pois o señor alcalde sabía que era un erro, no que o concello ten unha parte fundamental, pois estaban a cotizar como si fosen construccións industriais, cousa que non son e polo tanto non pagan esas cantidades.
Os propietarios destas construcións agrícolas que exisan a comprobación das mesmas e que saiban que non van pagar esa cantidade estratosférica, que lle deberían enviar un novo recibo cun valor totalmente distinto. Se tiñan un recibo de mil euros, podería rondar os cen, pero non por ningunha acción do alcalde senón porque xa era así desde un principio, pero a definición da construción real nas propiedades era errónea, cousa que o alcalde de Meis, non solo non aclarou, senón que quixo aproveitar en beneficio propio e campaña persoal.
Poñendo por diante que é necesario o pago de impostos, o BNG de Meis pensa que non é o xeito de facelo nestes momentos, xa que estamos a atravesar un período forte de crise económica. Ademais esta suba non ten trazas de ir acompañada dun aumento na calidade de vida dos cidadáns do Concello. O que se está a facer é unha aberración.
A única maneira que isto non sega adiante é a paralización momentánea do proceso de actualización catastral até que o duro periodo de crise remate. Mais para acadar a paralización é importante que os veciños o soliciten por escrito no Concello.
Un exemplo claro de que o medre das taxas non se corresponde cunha mellora dos servizos e prestacións témolo coa suba do imposto do lixo que aumentou hai dous anos un 23% sen que por isto se teña producido unha mellora do servizo. Iso si, cartos para os “enchufados” do concello sobran.
O abuso do Concello de Meis chega a tanto que no mes de xullo fixeron un incremento no imposto de partición de fincas. Namentres noutros concellos como Meaño que ten unha taxa fixa de 30 € e Sanxenxo de 36,24 €, en Meis vaise pagar a partir de agora 144 € por ferrado en fincas urbanas. Os impostos do Concello de Meis son para un Municipio de primeira, máis os servizos son dun concello de cuarta.
Por outra banda tamén temos que dicir que a mala xestión do Partido Popular fai que se perda poboación coa correspondente baixa de axudas económicas. Ademais da existencia dun forte endebedamento que no mes de xullo deste ano chegaba a 1.687.135 €. Isto son síntomas inequívocos da falta nestes últimos anos dunha política que vertebre e mellore a calidade de vida dos veciños de Meis.
Pero o que si parece que mellora son os buches dos “colocados” do PP, que primeiro nos leva a unha situación económica ruinosa e agora queren seguer mantendo os seus niveis afogando aos veciños en impostos.
Unha indecencia desta índole debería facer abrir os ollos aos meisños e meisiñas, así moitos deles de ser reais os cobros dos invernadoiros, estaban plantexando o seu desmantelamento total e definitivo e outros formulábanse o traslado a concellos limítrofes.
E mentres a poboación está nun sinvivir, o rexidor meisiño durme un plácido sono.
Desde o BNG exiselle unha resposta aclaratoria inmediata e una paralización efectiva do proceso.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]