O BNG de Rois amósase preocupado pola paralización do concello.

Esta situación, insistimos que preocupante, sinala claramente que o novo equipo de goberno de Rois estase adicando unicamente á xestión dos asuntos que xorden día a día pero demostra que non ten capacidade suficiente para desenvolver un traballo creativo, ambicioso, con visión de futuro, e estanse limitando a continuar coa realización das iniciativas xestionadas polo anterior equipo de goberno (sinalización, abastecemento a Ribasar, travesía de Antequeira, multiusos e gardería, centro de día para a terceira idade, etc).

As respostas dadas polo Alcalde nas últimas sesións plenarias ás preguntas feitas polo BNG non convencen a ninguén, son totalmente imprecisas, pasan de puntillas sobre a maior parte dos asuntos e tratan de eludir sempre as súas responsabilidades. O deterioro da xestión é importante. Algúns exemplos son ben clarificadores do que dicimos:

                   1.- A estas alturas non saben nada do convenio a asinar entre a Consellaria de Medio Rural e o Concello para a limpeza de masas forestais que están a beira de núcleos de poboación. O tema é de grande importancia como ben saben os veciños despois do grave problema dos lumes en Rois no verán do 2006. Pois ben: o verán está á porta e é moi necesario empezar a tomar medidas.

                   2.- A páxina web do concello está “desaparecida”, non existe. Parece que a posibilidade de recibir pareceres a través das novas tecnoloxías, é dicir, darlle ao pobo unha canle de opinión, non lles interesa.

                   3.-Estase a realizar a modificación do PXOM, documento fundamental para o desenvolvemento ordenado de calquera concello, modificación que comenzou a estudiarse coa alcaldia do BNG, pero a día de hoxe Ramón Tojo di non saber nada de cando se vai poder avanzar algo do tema. (Os prazos para rematar o traballo esgótanse).

         Visto o dito, exemplos simplesmente entre outros, temos que mostrar a nosa preocupación por como se está a levar a xestión deste concello e queremos facer unha chamada pública ao rexedor municipal de Rois para que comence a plantearse que concello quere para os vindeiros anos. É a súa responsabilidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]