Apoio unánime no pleno de Rianxo dunha moción do BNG de apoio a Palestina
O pasado 27 de decembro tanques israelís invadiron Gaza, logo de varios días de bombardeos previos, causando máis de oitocentos mortos palestinos, moitos deles civís e nenos, nunhas cifras que medran día a día. A cifra de feridos chega case aos 3.000. A axuda humanitaria está bloqueada na franxa de Gaza e os hospitais están colapsados. Estas vítimas véñense a sumar os máis de 5.000 palestinos mortos dende o inicio da segunda Intifada, 900 deles menores de idade.
O ataque militar, verdadeiro crime de guerra, é o colofón da blocaxe perpetrada polo Estado de Israel contra o pobo de Gaza e que xa provocara unha grave crise humanitaria. Queremos manifestar a solidariedade co pobo de Palestina, facer un chamamento á fin inmediata da agresión contra Gaza e instar do Estado Español, da Unión Europea e do conxunto da comunidade internacional a condena desta agresión e a imposición ao estado de Israel de sancións diplomáticas e comerciais para o cesamento da barbarie. Non hai excusas nen xustificación para o emprego de tal violencia así como o incumprimento sistemático das resolucións da ONU que esixen o recoñecemento dun Estado Palestino víabel e sostíbel.
No pleno celebrado o pasado sete de xaneiro a instancias do BNG de Rianxo, o Concello de Rianxo condenou a agresión militar sionista contra Gaza, reclamando o fin de calquera operación militar, e da blocaxe criminal á que o Estado de Israel está a someter á franxa de Gaza.
O Concello de Rianxo insta a demandar do Goberno español o cumprimento das resolucións 242 e 338 da ONU relativas á retirada israelí dos territorios ocupados e o dereito do pobo de Palestina ao retorno e autodeterminación nacional.