Uns orzamentos que non solventan as carencias dos veciños e veciñas
O grupo municipal do BNG presentou toda unha serie de demandas de veciños e veciñas que quixemos ver reflexadas nos orzamentos para poder apoialos. Entre outras sinalamos:
A posta en funcionamento dun telecentro en Taragoña cun local de 100 m2 destinado ao uso veciñal para actividades de informática e apoio ás novas tecnoloxías, previo acordo coa asociación cultural que xestiona o centro cultural.
En segundo lugar incorporar os fondos para rematar a obra inconclusa do parking de Taragoña.
Terceiro. Orzamento para facer un inventario da rede de sumidoiros e abastecemento municipal para facilitar a planificación das obras, a toma de decisións de investimentos e a axeitada resolución dos problemas que afectan á rede e que están sufrindo os veciños e veciñas. A falta deste inventario foi sinalada polos servizos de intervención no seu día.
Estabelecer unha partida específica para contribuír con axudas ao transporte da mocidade que estuda fóra e outra para crear unha unha liña de axudas para os mozos e mozas que amplían os estudos musicais, artísticos ou deportivos.
Non se contempla no apartado de investimentos un equipamento para a mocidade de Rianxo. Precisa Rianxo unha casa de asociacións que incentive a actividade da mocidade e dos diferentes colectivos culturais e musicais. Algún acaba de alugar un baixo por un importe excesivo para as súas arcas pola falta de espazos polivalentes para a mocidade. Propomos ente outras posibilidades acondicionar os baixos das vivendas de protección oficial na Martela para crear esta área de servizos para asociacións.
Prever partida económica para desenvolver un plan de redución na produción de lixo coa implantación voluntaria de composteiros nos fogares de Rianxo.
Rehabilitar as unitarias en desuso para transformalas en centros culturais consignado os fondos suficientes para a posta en funcionamento do centro cultural do Araño, para pagar unha débeda histórica, única parroquia que non ten centro cultural. Non estamos dispostos a que un ano mais se tome o pelo aos veciños do Araño incluíndo 121.000 euros no orzamento que non se executa.
No relativo ao capítulo de persoal, queremos que estes orzamentos recollan as cantidades necesarias para poder regularizar a situación laboral e económica dos cen traballadores e traballadoras municipais, aplicándolle un convenio colectivo específico do Concello de Rianxo.
No relativo ás bases de execución dos orzamentos demandamos que se recolla expresamente que as subvencións serán concedidas tendo en conta unhas bases obxectivas para regular as mesmas, ademais de abrir unha liña específica de axudas ás reformas dos centros culturais das parroquias, anpas, asociacións culturais e xuvenís.
Incremento da partida destinada á promoción da cultura dado que aumentan os gastos de persoal, e se están a baixar as achegas a actividades culturais e ás festas tradicionais dos colectivos e asociacións das parroquias á metade. E iso cando temos un novo auditorio que debería ser o referente cultural e implicar novos investimentos non menores.
Finalmente, demandamos un exercicio de responsabilidade diante dos veciños e veciñas, e dos provedores e empresas, porque existen partidas de ingresos infladas a conciencia para poder xustificar gastos. E esta situación vai propiciar falta de liquidez por gastar máis do que está previsto ingresar, e que nos tempos que se aveciñan de crise levará a non poder facer fronte aos pagamentos a empresas e provedores, e da que so o goberno do Psoe de Rianxo será responsábel.