O CENTRO DE DÍA DE TRASMAÑÓ MANTENSE NOS FEDER.

No proceso de negociación co PSOE co fin de  recoller propostas para o Proxecto Marisma, a cargo dos Fondos FEDER, o BNG puxo enriba da mesa a necesidade dun novo Centro de Día en Redondela. A proposta consistía en acometer obras de acondicionamento do antigo Colexio Público de Trasmañó. Frente a propostas “peregrinas”, que xa xurdiran para este centro, foi exixencia do grupo municipal a que finalmente saíu adiante. Ademais de ser unha obra que cun orzamento relativamente pequeno (arredor de 600 mil euros) ía cubrir unha necesidade de primeira magnitude, tratábase dun lugar cunha ubicación idónea.
Nestes días, cando se deu a coñecer que a Proposta de Redondela fora aprobada, e que cumpría facer unha rebaixa do 8% do orzamento inicial, constatouse que o defendido polo BNG era o correcto. Ao resto de forzas políticas non lles quedou outro remedio que asumir como propia esta demanda de carácter social.
Estanse dando os primeiros pasos para subir un novo chanzo na dotación de equipamentos de tipo social en Redondela, dado que a atención de calidade ás persoas maiores vai constituír un dos retos do futuro. Este labor xa foi iniciado hai varios anos dende que o BNG asumiu a área de Servizos Sociais.

Creación de emprego.
Outro dos obxectivos que se vai acadar coa creación desta nova infraestrutura é a creación de postos de traballo. A atención a un grupo de usuarios e usuarias deste Centro de Día, vai supór que se xeneren en época de crise diferentes postos de traballo. Eis outra das calidades que se recollía á hora de facer a proposta.
Desde o BNG apostamos por continuar dando pequenos pasos para ofrecer mellores servizos públicos á nosa cidadanía. O Grupo Municipal vai facer  seguimento das diversas xestións a realizar polo goberno do PP para que finalmente o Centro de Día de Trasmañó sexa unha realidade.

twitter  facebook  meneame  meneame 
[Imprimir]  |  [Enviar e-mail]